Entrevista

Bieito Lobeira, membro da Executiva do BNG: "O PP galego vive entregado a unha visión madrileña e centralista do Estado"

Durante máis dunha década, Bieito Lobeira (Seixo-Marín, 1968) tivo a responsabilidade organizativa no BNG, un período complicado despois da crise de Amio de 2012. Agora vén de anunciarse que esa Secretaría de Organización fica encabezada por Lucía López Sobrado. Lobeira, que se mantén na Executiva da formación nacionalista, explica a 'Nós Diario' esa transición e analiza claves da tensa actualidade política.
Bieito Lobeira, na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Bieito Lobeira, na redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Xan Carballa)

—Por que deixa a responsabilidade de organización do BNG?
Sorpréndeme que se fale agora sendo unha decisión tomada xa en setembro polo Consello Nacional, cando se reorganizaron varias áreas. As miñas razóns? Levaba moito tempo nesta responsabilidade e con outro longo período anterior no Parlamento. Son dos que penso que un dos desafíos do nacionalismo é garantir a viabilidade a futuro, e iso implica unha renovación de cargos políticos eficaz e con garantías. Afortunadamente o BNG conta con cadros ben formados, xa doutra xeración en particular no caso de Lucía López, cun coñecemento intenso do BNG e unha grandísima capacidade de traballo. Se non fose esa circunstancia non deixaría a responsabilidade. Fágoo coa conciencia tranquila de que todo vai ir ben.

—En todas as organizacións políticas ás persoas que levan esa área supónselles un traballo áspero, sobre todo nos momentos de crise, unha sorte de “policías malos”.
O traballo de organización é fundamental en calquera grupo, e máxime no BNG, que non somos un produto televisivo, senón que necesariamente temos que ter raíces sociais, implantación territorial e contar cunha militancia activa. A historia do nacionalismo non explicaría a situación actual sen ter en conta o papel dunha organización entendida como corpo social organizado. Polo demais, estamos nun momento bo, con incremento importante de afiliación, e agora co reto e converter esas afiliadas e afiliados en militantes.

Aínda que este época histórica pode parecer un momento pouco favorábel, para nós iso é vital. Temos comarcas que son máis difíciles pola súa situación socioeconómica e demográfica, por exemplo O Ribeiro, A Limia, Lugo Sul… pero estamos conformando asembleas locais, e xa nas últimas eleccións municipais tivemos moi bos resultados e presentamos candidaturas por primeira vez en anos. Tamén hai que dicir que superamos neste período unha situación económica interna moi complicada. Hoxe estamos nunha situación saneada, sen créditos pendentes e vivindo e funcionando cos ingresos propios grazas ao compromiso militante. Non se pode ocultar que conseguilo tamén supuxo situacións desagradábeis.

—Desde o final da ditadura a hoxe, agora estarían irrompendo xa case netos e netas da xeración fundacional. Tamén iso supón un cambio profundo no modo de funcionar?
Mudou moito, pero temos que buscar formas de que aumente a participación. Nos anos 70 e 80 houbo unha xeración extraordinaria de militantes que o deron todo por construír nacionalismo en todos os planos. Somos fillos e fillas desa xente impresionante e quizais irrepetíbel. Foron capaces de crear os embrións que deron na CIG como primeira central sindical e o BNG segunda forza política do país.

A situación mudou moito desde entón. Son moi comprensivo coas limitacións que hai hoxe, familiares  ou de carácter laboral, pero tamén admiro moito as persoas desa vella escola que despois de moitas décadas de militancia seguen estando para todo e en calquera momento. Con xente da nova fornada compre unha dinámica de formación entendida nos planos político e ideolóxico, pero tamén de funcionamento militante. De feito hai moitas asembleas locais que funcionan pola capacidade de crear bos ambientes internos, aproveitando o que cada persoa pode aportar e mesmo lograr que o pasen ben e se sintan útiles facendo traballo político. Hai localidades que medran moito e outras van máis de vagar, pero o factor humano é moi importante en cada caso.

—Tamén mudou por completo o xeito de comunicación, como se reflexa no día a día?
Somos permeábeis á mudanza social. Fíxate que unha organización como Podemos para denominar á súa militancia fala de “inscritos e inscritas”. Un concepto de afiliación ligado á toma de acordos vía dixital dalgunhas cuestións importantes pero que non se vincula a un traballo diario. Por outro lado, a pandemia estimulou o uso das reunións dixitais, e iso permitiu salvar un problema de distancias que antes era moi dificultoso. No mapa do BNG, só en Lugo temos 38 concellos e iso fai difícil estar fisicamente en todos con asiduidade.

Pero iso é unha cousa e outra é a aceleración de pautas individualistas (por exemplo no teletraballo), trasladadas á militancia, que non pode reducirse a un clic ou ou like. Pasar moito tempo diante dunha pantalla non pode substituír o traballo social en asociacións veciñais, en grupos deportivos, en comunidades de montes ou en agrupacións culturais. Temos que estar sachando de continuo, aproveitando a potencia das ferramentas pero sen recluírnos nelas en exclusiva.

—O BNG é visto pola cidadanía como unha organización política, única, pero moitos dos seu momentos críticos derívanse da complexidade interna.
A día de hoxe é a organización máis cohesionada das que funcionan no país. Iso non é só polos debates na súa dirección, ten que ver cos procesos de decisión asemblearia. Hai algunhas que teñen que ser áxiles e rápidas e conta con capacidade a dirección para adoptalas, pero outras transcendentes precisan un camiño máis lento e desde abaixo (por exemplo o modelo de alianzas no Parlamento Europeo…). Iso fainos gañar en democracia.

—Viviu varios liderados no BNG, até cinco persoas con características moi diferentes (Xosé Manuel Beiras, Anxo Quintana, Guillerme Vázquez, Xavier Vence e Ana Pontón).
Na historia recente do BNG a vontade da militancia estivo por riba dos liderados. Aconteceu co caso de Beiras, ou no de Xavier Vence na asemblea da Coruña, onde se manifestou unha vontade clara de mudanza. É certo que estamos nunha etapa de americanización da política que busca reforzar a caracterización vía dirixentes por riba dos proxectos. No BNG demostramos que estamos por riba desa corrente de pensamento.

—Estamos vivindo un momento político tenso que é unha sorte de parteugas histórico. Está a amnistía e tamén semella que se quere interpretar por unha maioría un modo diferente do reparto territorial do poder, en definitiva admitir a plurinacionalidade.
O primeiro é constatar que o Estado español ten vivas tensións internas de carácter nacional. É falsa a tese de que todo isto, no caso catalán, procede da ambición de poder dun dirixente de Convergència i Unió, como Artur Mas. É un proceso histórico sobre o dereito das nacións e o seu poder político no funcionamento do Estado español no que a Galiza entra tamén quizais con menos intensidade.

Nós temos un PP e unha Xunta que intenta adaptarse á realidade galega, pero na súa raíz mantén as ideas de Estado centralista, de negar o carácter diferencial da Galiza. Unha retórica de aparencia galeguista, cunha práctica política negadora do país e da súa realidade que eles son os primeiros en saber que non é a de Madrid. Isto provoca que neguen calquera reivindicación que veña de Catalunya ou do País Vasco, obvian o grave papel de Madrid e a súa comunidade autónoma na conformación actual do Estado.

O problema é que o Goberno galego non fai reivindicación algunha que produza contradicións con esa visión madrileñizada: sexa reivindicar unha tarifa eléctrica galega ou proposta coa débeda galega, que tamén a temos. Non reivindican nada, só fan comparativa á contra do que logran arrincar as forzas catalás ou vascas. Retrátanse como políticos rendendo pleitesía á visión madrileña e centralista do Estado, mesmo repenicando os esquemas do que alí se decide e sen presentar tan sequera unha visión galega autonomista.

Confío que no caso galego sexan os estertores do PP na Xunta. Creo que é posíbel desprazalos e que por primeira vez a Presidencia da Xunta sexa do BNG, porque por moi limitado que sexa o marco autonómico podemos gañar tanto en autoestima (lingua, medios de comunicación pública, educación) como no plano material pondo o país a producir e a traballar e xerar emprego coa nosa potencia. Sabendo os límites de competencias temos unha oportunidade histórica para dar un salto.

A batalla política nas eleccións galegas, as primeiras despois da investidura, vai ser moi forte. O BNG está ben preparado para lograr a Presidencia da Xunta

—Pero o momento é de moita tensión, sexa real ou moitas veces impostada ou amplificada desde a hexemonía informativa case absoluta de Madrid. O termómetro inmediato van ser as eleccións galegas e europeas.
Nós cremos que se van adiantar coas vascas e mediranse moitas cousas. É moi probábel que a alternativa política do PP, que hoxe é de dereita ultra vaia facer de todo para darlle un espaldarazo á súa visión. Será unha batalla política moi intensa e estamos moi preparados aínda sabendo o esmagador peso mediático co que contan. O BNG ten capacidade para chegar á xente e ampliar a súa base electoral e social. O escenario está aberto.

—Hai un factor que noutros tempos non era tan influínte que é a volátil situación internacional, con guerras abertas e enfrontamento de modelos de organización planetarios.
Son templos conflitivos moi diferentes aos dos anos 90. A multipolaridade está presente, hai tensións na Unión Europea, non só polo Brexit, e cando menos hai aberto un debate e un horizonte creo que positivo. Así o vemos no caso de Palestina, cun divorcio entre os Gobernos europeos e unha parte importante das súas opinións públicas ante o xenocidio que comete o Estado de Israel e que se segue en directo. É un tempo de transición e de incertezas que abren opcións que antes non se contemplaban. No Estado español o réxime político desde 2014 está en crise, coa abdicación do rei, co debate catalán... hoxe o que antes parecía inamovíbel pode prosperar, cunha aritmética na que tamén podemos ser decisivos na gobernación do Estado e moito máis se logramos encabezar un Goberno alternativo na Galiza.

—Saíndo desta cuestión, vostede está agora debruzado en investigar as raíces das súa familia paterna ligada á resistencia antifascista, que descoñecía até hai pouco anos.
Sendo adolescente cando entrei no nacionalismo miña nai estaba moi asustada e ás veces ouvíalle, “vas acabar como a familia de teu pai”. Sabía que tiña un tío en México pero pouco máis. Hai uns meses un historiador amigo de Marín, faloume duns Lobeira que aparecían en Euskadi e que unhas delas serían curmáns miñas. O asunto é que catro irmáns de meu pai alistáranse na mariña de guerra auxiliar vasca e Xerardo, o maior, despois de entrar os franquistas en Euskadi, pasou a Francia e despois de estadías en varios campos de concentración, entrou na resistencia francesa e chegou a ser recoñecido como heroe, hoxe o seu nome está nun monólito e nunha igrexa como “mort per la France”.

Do que estaba en México, Manuel, tamén souben que tivo unha peripecia como preso en Francia e Alxeria e espiou para os aliados no Norte de África. O terceiro, Xosé, tamén estivo preso e Antonio Lobeira foi enterrado nunha foxa común en Cervera (Lleida). É unha historia moi longa e heroica que me fai sentir orgullo de onde veño, como en tantos outros casos que se foron coñecendo en todo este tempo. A familia nosa reencontrouse e uniuse moito e temos gañas de obter máis información. No que poda acabar este afondar nas súas vidas irase vendo co tempo, pero ilusióname sabelo todo.

—Segue asombrando como se silenciaban as familias.
O medo na casa era moi grande. A meu pai coñecino sobre todo ao xubilarse porque era mariñeiro de altura, botaba un ano de marea e estaba moi pouco tempo. Contábame que cando o franquismo prohibiu nomes nos barcos que non fosen en castelán, á súa traíña que se chamaba Nove hirmáns en vez de traducirllo bautizárona Lobeira. El enorgullecíase de que fose militante do Bloque e cando marchaba dicíame: “Lembra sempre, nós non somos Ovella, somos Lobeira”.

Comentarios