Bieito Lobeira (BNG): "Mellorar a calidade de vida na Galiza é posíbel"

O Bloque Nacionalista Galego convoca para este domingo unha manifestación en Santiago de Compostela contra a suba dos prezos. 'Nós Diario' conversa con Bieito Lobeira, da área de organización da formación nacionalista, sobre as razóns desta mobilización e as alternativas que propoñen.
Bieito Lobeira, esta segunda feira, na sede nacional do BNG. (Foto: Arxina)
photo_camera Bieito Lobeira, esta segunda feira, na sede nacional do BNG. (Foto: Arxina)

—O Bloque Nacionalista Galego (BNG) convoca unha manifestación este domingo baixo o lema "Non é unha crise de prezos, é unha estafa. Fagamos valer Galiza. Hai alternativas". Cales son para vostedes estas alternativas?
O importante é que a sociedade saiba que a resignación non é unha alternativa e que hai propostas enriba da mesa que se poden efectivizar. Por exemplo, fronte á suba do prezo da luz, o control público dos recursos enerxéticos, unha tarifa eléctrica galega, a prohibición de cortes de luz en fogares sen recursos, etc. Mellorar a calidade de vida é posíbel tanto desde o punto de vista das pensións como do salarial.

Tamén propomos cuestións máis de fondo, como é a aposta pola paz e polo diálogo e, polo tanto, en contra do gasto en armamento e da submisión aos delirios da OTAN e dos Estados Unidos. Intentamos trasladar que, detrás da degradación da sanidade pública, das pensións de miseria, dos baixos salarios... hai causas comúns ás que lles hai que facer fronte de maneira conxunta e non atomizando os conflitos. 

—O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, prefire agardar a saber cales son as compensacións para Aragón pola produción eléctrica antes de solicitalas el para Galiza.
Lamentabelmente, hai xente que parece que naceu para renegar da súa terra e para xurar acatamento a outros poderes. É incríbel que en Aragón haxa máis ganas de defender o propio que na Galiza, que é unha nación con institucións propias e unha riqueza e potencialidade en recursos naturais e enerxéticos absolutamente única no Estado. Porén, padecemos unha Xunta da Galiza, un Alfonso Rueda, que fai bandeira da submisión neste e en tantos outros temas.

—En que afecta a inflación á poboación galega de maneira diferencial á do Estado?
Estamos á cola do Estado en canto a salarios e pensións, pero somos récord en pagamento de peaxes de autoestradas, no prezo do combustíbel, na inflación dos produtos básicos. Existe un diferencial que se traduce en cuestións como que, estando á cabeza da produción enerxética, hai anos en que as galegas pagamos máis debido á estrutura do sistema de transporte da enerxía eléctrica vixente no Estado español. Nel, non todos somos iguais e dentro desa desigualdade o sufrimento das capas populares no caso da Galiza é maior por este tipo de razóns.

Existe un compoñente nacional de diferenciación que fai que a inflación afecte máis á Galiza que a outros Estados e que é unha razón máis que fai que nos teñamos que mobilizar e reclamar, primeiro, un trato igualitario a nivel de Estado e, segundo, que poidamos decidir nós en función dos nosos recursos e das necesidades. 

—Son moitas as galegas e galegos que se están a empobrecer. Quen considera o BNG que se está a beneficiar con esta crise de prezos?
Basicamente, o gran capital. Detrás de todo isto hai desde fondos voitre até a banca privada, que segue a facer caixa a través da desesperación e do sufrimento das clases populares. Estamos comprobando como existe un empobrecemento xeneralizado da sociedade galega ao mesmo tempo que as grandes elites económicas, que non se presentan ás eleccións pero determinan e condicionan boa parte das decisións de Gobernos e parlamentos, están obtendo beneficios millonarios e absolutamente indecentes.

O nacionalismo alerta sobre o novo delito de desordes públicas

Alén da manifestación deste domingo do BNG, a formación nacionalista tamén participa da convocatoria das mobilizacións que esta cuarta feira decorrerán na Galiza contra o novo delito de desordes públicas agravadas. Lobeira sinala que "como demócratas, somos partidarias de eliminar o delito de sedición no Estado español, o cal se utilizou para eliminar unha reivindicación soberanista lexítima como é a do pobo catalán".

Con todo, o nacionalista recorda que a Galiza está á cabeza en dinámica de mobilización popular e mesmo de sancións contra mobilizacións sociais, sindicais e políticas, afirma que "o Goberno español comprometeuse a derrogar a 'lei mordaza' e non só comprobamos como non foi así, senón que o que propoñen agora é un retroceso maior nesta materia" co novo delito de desordes públicas. Á hora de defender con coherencia liberdades e dereitos cívicos, Lobeira insiste en que "a esquerda española nin está nin se espera".

Comentarios