Bieito Lobeira deixa a área de Organización do BNG e encara as eleccións con optimismo: "Temos unha oportunidade histórica"

Lobeira deixa esta responsabilidade após máis dunha (complicada) década á fronte mais seguirá na Executiva e o Consello Nacional da formación nacionalista, ás portas dunha decisiva cita electoral na que aspira a "facer historia".
Bieito Lobeira, nunha rolda de prensa recente do BNG. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Bieito Lobeira, nunha rolda de prensa recente do BNG. (Foto: César Arxina / Europa Press)

Máis dunha década levaba Bieito Lobeira (Seixo, Marín, 1968) á fronte da área de Organización do BNG, unha responsabilidade que nos últimos tempos compartiu con Lucía López Sobrado e da que se despediu oficialmente o pasado mes de setembro. A Executiva da formación nacionalista decidiu reestruturar o traballo e Lobeira —que continuará tanto neste órgano como no Consello Nacional—, a petición propia, pasará a ocuparse das relacións con organizacións nacionalistas como a CIG, no terreo sindical; a Mesa pola Normalización, en materia de dereitos lingüísticos, ou Adega, a nivel ambiental.

Lobeira tomou as rendas do Bloque após a Asemblea de Amio de 2012, que culminou coa escisión do Encontro Irmandiño de Xosé Manuel Beiras —fundador posteriormente de Anova— e a plataforma Máis Galiza de Xoán Bascuas —futuro Compromiso por Galicia—, nun momento delicado a nivel político e tamén financeiro, como el mesmo recoñece en conversa con Nós Diario. Porén, desde entón moito mudaron as cousas, para ben, nesta formación política.

"Hoxe o BNG está totalmente saneado a nivel económico e deu un salto enorme no plano político e como organización. Foi un gran mérito colectivo, grazas ao corpo social e militante que temos", afirma Lobeira, quen considera que a área de Organización queda en boas mans: "Temos uns cadros moi ben preparados, moita xente que o vai facer ben".

Para el, é necesario dar este tipo de pasos, pois o Bloque "ten moito futuro" e "moita xente cualificada" que cómpre "aproveitar" dándolle oportunidades, polo ben da propia formación, salienta. Dos anos que pasou á fronte de Organización, moitos deles "moi duros" e nos que foi crucial, destaca, o "compromiso" da militancia nacionalista. "Tiñamos que seguir a ser unha organización propia, non supeditada á esquerda española", subliña.

Bieito Lobeira, que foi tamén deputado no Parlamento da Galiza entre 1996 e 2012, encara con optimismo as vindeiras eleccións galegas, aínda sen data pero que deberán convocarse, a moito tardar, nos primeiros meses de 2024. "Temos na man a posibilidade de facer historia neste país, a oportunidade de encabezar un Goberno nacionalista".

Malia as "limitacións competenciais" das autonomías, cre que o Bloque podería artellar importantes medidas "que no curto prazo revertan as políticas máis agresivas do Partido Popular". "Estou moi esperanzado, haberá que traballar moito pero podemos conseguir facer historia. Gobernar a Xunta sería un paso adiante transcendental para desenvolver políticas lingüísticas, sociais ou na defensa dos servizos públicos que nos permitan seguir avanzando cara á República Galega", apunta.

Comentarios