Besteiro rexistra a súa candidatura á Secretaría Xeral do PSdeG

O socialista móstrase partidario dun "equipo novo" para capitanear o PSdeG se chega á dirección no próximo congreso.
José Ramón Gómez Besteiro, esta terza feira (Foto: Europa Press).
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, esta terza feira (Foto: Europa Press).

O que foi aspirante do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza e actualmente deputado electo, José Ramón Gómez Besteiro, rexistrou esta terza feira na sede da formación a súa candidatura á Secretaría Xeral co obxectivo de cumprir o seu "compromiso" coa Galiza e co partido.

O político lucense acudiu á sede socialista na capital galega para formalizar a súa candidatura no marco dun proceso interno co que o PSdeG renovará a súa dirección e que culminará cun congreso extraordinario o próximo 27 de abril.

En declaracións aos medios ante o local do PSdeG, lembrou que, "no seu día", asegurou que o seu "compromiso era coa Galiza" e que está a cumprir a súa "palabra". "Fíxeno coa renuncia á acta no Congreso e coa incorporación ao Parlamento da Galiza e, ademais, fágoo agora tamén asumindo ese compromiso coa Galiza e co meu partido", indicou.

Besteiro, que xa capitaneou o partido entre 2013 e 2016, lembrou que el xa ten "certa experiencia" nos procesos de primarias e considerou que "calquera militante do Partido Socialista que estea disposto a dar un paso, debe facelo". "E creo que ese paso de responsabilidade sempre debe de ser ben recibido", sinalou para lembrar que o prazo, que finaliza esta quinta feira ás 15 horas, aínda está aberto.

Na súa intervención, así mesmo, sinalou que, unha vez formalizadas as candidaturas, abrirase o prazo para presentar o seu proxecto á militancia, aos que, no seu momento, "exporá" o seu modelo de partido e a traxectoria política que defende para os próximos catro anos no PSdeG.

Preguntado polo equipo do que se rodeará de chegar á Secretaría Xeral do PSdeG e sobre se dará continuidade a membros da actual dirección, Besteiro, que subliñou que a executiva se presentará ao seu debido tempo, "cando sexa o congreso", si se mostrou partidario dun "equipo novo" para os próximos catro anos e descartou que iso supoña "un desprezo" para as persoas que integran a actual dirección.

"Non se trata de dar continuidade ou non, senón de que, cando un ten a responsabilidade de elixir a unha executiva, elixir no momento oportuno aos homes e ás mulleres que poidan facer mellor ese labor para os próximos catro anos", concluíu.

Comentarios