Besteiro presentará a súa precandidatura ás primarias para secretario xeral do PSdeG

Está previsto que tras a presentación da precandidatura, atenda aos medios de comunicación na entrada da sede do PSdeG ás 12 horas desta terza feira.
José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

O socialista José Ramón Gómez Besteiro presentará esta terza feira a súa precandidatura ás primarias para optar a ser o próximo secretario xeral do PSdeG e liderar unha nova etapa á fronte do partido tras os resultados das eleccións autonómicas.

Deste modo, o que foi candidato á Presidencia da Xunta da Galiza nos comicios galegos dá o paso que, aínda que non confirmara até o momento, dábase por feito. Tras obter nove escanos na Cámara, prevese que o PSdeG leve a cabo unha renovación dos seus órganos de dirección, despois de que o actual secretario xeral, Valentín González Formoso, confirmase a súa saída.

Nas últimas semanas, tanto dirixentes da formación na Galiza como o propio Formoso e dirección estatal do PSOE fecharon filas ao redor de Gómez Besteiro, a quen apuntaron como a persoa que debe dar "estabilidade" á formación para fortalecer o seu proxecto de fronte ao futuro. Está previsto que tras a presentación da precandidatura, atenda aos medios de comunicación na entrada da sede do PSdeG ás 12 horas.

Calendario

O calendario aprobado o sábado pola Executiva da formación indica que o prazo de presentación de precandidaturas permanecerá aberto até a quinta feira. Ademais, a recollida de avais terá lugar entre os días 15 e 22 deste mes. O 22 de marzo será a proclamación provisional de candidaturas que presenten como mínimo o aval de 6% dos ao redor de 10.000 militantes con dereito a voto.

Así mesmo, a campaña de información decorrerá entre o mércores 27 de marzo e o sábado 6 de abril, dando paso á xornada de votación, que será o 7 de abril e, no caso de que ningún das candidaturas sume 50% dos votos, tería lugar unha segunda volta o 14 do mesmo mes.

De acordo co calendario aprobado, o 14 de abril terá lugar a proclamación provisional de resultados e o Congreso Extraordinario decorrerá o sábado 27 de abril. Tal e como se recolle no documento das bases da convocatoria do congreso e das primarias, só se abrirá un proceso electoral interno de primarias no suposto de existir máis dunha candidatura proclamada.

En caso de resultar proclamada definitivamente unha única candidatura, non decorrerá a votación e informarase á Comisión Nacional de Listas. O comité organizador do proceso estará presidido polo secretario de Organización, José Manuel Laxe Tuñas, acompañado por Lara Méndez, Alberto Varela, Margarita Martín Rodríguez e Silvia B. Fraga como vogais.

Comentarios