18-F

Besteiro reivindica a alta velocidade Vigo-Porto

Ribera debullará o proxecto de dotar Stellantis con conexión de moi alta tensión
No centro, Abel Caballero e José Ramón Gómez Besteiro, esta segunda feira, en Bouzas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera No centro, Abel Caballero e José Ramón Gómez Besteiro, esta segunda feira, en Bouzas. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou esta segunda feira a aposta da formación socialista por infraestruturas como a alta velocidade entre Vigo e Porto, ou a conexión á rede de moi alta tensión para a planta de Stellantis, fronte a quen, como o PP, queren priorizar a alta velocidade Lisboa-Madrid ou "torpedean" os grandes proxectos. 

Así o manifestou Besteiro nunha visita ao paseo de Bouzas, en Vigo, onde estivo acompañado por algúns integrantes da candidatura por Pontevedra, ademais de polo alcalde, Abel Caballero, e a presidenta do partido na Galiza, Carmela Silva

O candidato volveu defender a "loita" do PSdeG para que se impulse a liña de alta velocidade entre Vigo e Porto, e subliñou que en abril esa conexión estará incluída na rede europea de transporte ferroviario. "Que non nola quiten", proclamou, á vez que censurou novamente que Feixoo e Ayuso pidan priorizar a conexión entre Lisboa e Madrid. 

Visita de Ribera

Besteiro confirmou, ademais, a visita a Vigo, nos próximos días, da vicepresidenta e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, para explicar o proxecto de conexión da liña de moi alta tensión, e o "importante investimento" que se vai facer para que a planta de Stellantis dispoña dese sistema de subministro enerxético, que evitará os microcortes e os problemas na produción da fábrica de Balaídos. 

"A todos eses proxectos estamos entregados [...], o que nos preocupa é traer investimentos e proxectos, e apartar a quen os intentan torpedear", sinalou Besteiro, que volveu recalcar a importancia da cidade olívica e a súa área no contexto galego. "Os retos de Vigo son os retos de toda a Galiza", concluíu.

Comentarios