A alta velocidade entre Vigo e Porto enfronta Portugal e España

A liña Vigo-Porto estaría rematada en 2030.
José Sebastián Ruiz, comisionado para o corredor atlántico, esta terza feira. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
photo_camera José Sebastián Ruiz, comisionado para o corredor atlántico, esta terza feira. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

O comisionado do Goberno español para o corredor atlántico, José Sebastián Ruiz, planifica que a saída sur ferroviaria de Vigo estará rematada antes de 2030. Porén, esta terza feira cuestionou cando estarán dispoñíbeis as infraestruturas do lado luso que conectarían coa liña galega na fronteira con Portugal. 

Así o sinalou ante os medios de comunicación antes de asistir no Porriño (comarca de Vigo) a unha xornada de redes de transporte e loxística organizada polo Eixo Atlántico do Noroeste e a Asociación Española de Transporte. Precisamente, as declaracións de Ruiz chegan meses despois de que o Goberno luso urxira o español a trazar un calendario, sinalando, ademais, que Portugal xa tiña feitos os estudos ambientais da súa parte.

Nesta liña, tamén no Porriño, o vicepresidente de Infraestruturas de Portugal, Carlos Fernandes, puxo en valor esta terza feira os traballos levados a cabo polo Goberno portugués para a construción da liña de alta velocidade até a Galiza, sinalando que agarda que cando esta liña estea finalizada tería que estalo tamén a do lado español. "O lado portugués só estará pronto se o galego o está e viceversa", indicou. 

A pesar de que Ruiz e Fernandes non compartiron mesa redonda, ambos os dous falaron coa prensa e cuestionaron mutuamente os avances do Estado veciño. Ruiz reivindicou os investimentos que se acometerán nos próximos anos no corredor atlántico, cifrándoo en "máis de 16.000 millóns" , uns 5.000 millóns máis, dixo, que os que gastarán no corredor mediterráneo. 

Con 2030 no albo

Ruiz recordou que, de momento, a saída sur e o enlace con Portugal non se recolle na Rede Básica do corredor atlántico, que ten que estar finalizada para 2030. Así, indicou que o Executivo español pedirá a Bruxelas que si inclúa esta infraestrutura nesa planificación, tratando de que isto se aprobe antes do 31 de decembro, durante a presidencia española do Consello da UE.

Após insistir no "traballo que se está a levar a cabo desde o Estado español", co fin de que a saída sur de Vigo até Portugal estea lista para 2030, preguntou que pasará co lado luso. "España está facendo os deberes", asegurou. "E o lado portugués? Esa é a gran pregunta. Cando chega a alta velocidade do lado portugués?", preguntou Sebastián Ruiz.

Comentarios