18-F

Besteiro promete impulsar cada ano 2.500 vivendas de promoción pública

O candidato do PSdeG propón un plan de choque.
Besteiro-COAG-120124-04-1200x675
photo_camera Besteiro na reunión coa COAG. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse a impulsar ao redor de 2.500 vivendas de promoción pública anuais.

Así o trasladou esta sexta feira após se reunir en Compostela co decano do Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG), Luciano Alfaya, a quen trasladou as medidas que o PSdeG incluirá no seu programa electoral para as eleccións do vindeiro 18 de febreiro.

Na súa intervención e despois de incidir na necesidade de actuar sobre as vivendas baleiras e a rehabilitación, apostou tamén por duplicar as axudas que se dirixen ao bono aluguer para mozos e, sobre todo, afrontar directamente as zonas tensionadas para permitir que os alugueres sexan inmóbeis máis baratos e accesíbeis.

"Ocupación racional"

O aínda deputado do PSOE no Congreso destacou que se trata dunha batería de medidas para o vindeiro lustro. "Estes próximos catro anos van ser catro anos da vivenda, fundamentalmente de vivenda pública, dunha ocupación racional e de recuperar o territorio que levamos perdido durante estes últimos 15 anos do PP".

"Non só se trata de construír, que en moitos lugares hai que facelo. Tamén hai que recuperar patrimonio que hoxe está baleiro, non está utilizado e require a súa rehabilitación", afirmou para sinalar que todo iso debe de levarse a cabo con parámetros de "eficiencia enerxética e ambiental".

Fondos

"Comprometémonos a que os catro anos que veñen vaian ser o catro anos de irrupción da vivenda pública", engadiu, para pór en valor os fondos que inxecta para este asunto o Goberno do Estado a través da Unión Europea (UE).

Comentarios