Besteiro acusa Rueda de converter a crise medioambiental nun "meme"

José Tomé reclama a dimisión do conselleiro do Mar.
No centro, Besteiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera No centro, Besteiro. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, acusou esta quinta feira o Goberno galego de tentar converter o que denominou "a crise ambiental" dos pellets nun "meme". O candidato socialista fixo estas declaracións nunha xornada en que participou nun encontro con alcaldesas e alcaldes do PSdeG en Santiago de Compostela.

"Non pode ser que un día se diga que é imposíbel recoller os pellets do medio do mar e ao día seguinte solicitemos un submarino ao Estado", dixo Besteiro, despois de que a Xunta pedise na cuarta feira ao Goberno estatal unha relación de medios por terra, mar e ar para buscar e recoller o material emanado da embarcación que perdeu seis contedores fronte ás costas de Portugal o pasado 8 de decembro.

O candidato socialista afirmou estar "moi contento" de que "por fin" a Administración galega activase o nivel 2 do Plan anticontaminación (Camgal), que “era o que reclamaba o Goberno español para poder remitir os seus medios”. Con todo, o candidato á Xunta do PSdeG, fixo un chamamento a non converter esta "crise ambiental" nun "meme, como pretende facer a Xunta" coa petición do submarino. "Teñamos un pouco de sensatez", concluíu.

Dimisión de Vilares

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé (PSdeG), exixiu tamén esta quinta feira a dimisión "inmediata" do conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, polas “inaceptábeis e vergoñentas” manifestacións que fixo na cuarta feira sobre os pellets.

"Nunca demostrou preparación nin coñecemento sobre a actividade pesqueira", dixo Tomé, que así se referiu ás palabras pronunciadas polo conselleiro do Mar: "Calquera persoa" pode comer "ás veces accidentalmente algún plástico" e que os plásticos "entran por onde entran e saen por onde saen".

Comentarios