18-F

Besteiro comprométese a que Ferrol sexa "o centro da reindustrialización naval"

O PSdeG propón un Plan galego contra condutas aditivas.
Formoso, Besteiro e García, esta sexta feira, en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Formoso, Besteiro e García, esta sexta feira, en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, presentou esta sexta feira o seu "compromiso con Ferrol" para que sexa "o centro da reindustrialización naval" no Estado español, unha proposta que a formación socialista levará adiante cando "gobernen na Galiza".

Así o fixo diante dunha representación de CCOO e UXT, da confederación de empresarias de Ferrolterra e outros representantes sociais, acompañado do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e do ex alcalde de Ferrol, Ángel Mato.

"Eu hoxe comprométome con Ferrol, non só cos representantes sociais e empresariais aquí presentes, senón con toda a xente desta cidade e de Ferrolterra", apuntou Besteiro, que incluíu entre as súas propostas a reclamación ao Goberno do Estado español a construción do dique cuberto para finalizar a modernización do Estaleiro de Navantia ou o financiamento por parte da Xunta da Galiza dun novo Dique de Reparacións no Estaleiro de Ferrol. 

Loita contra a droga

Tamén esta sexta feira, Besteiro anunciou que "asumirá a integración plena no Sergas de toda a rede asistencial de condutas aditivas. Unha integración que tamén incluirá as profesionais que traballan nestes centros". Fíxoo durante unha visita ás instalacións da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga na Coruña, onde tamén avanzou un novo Plan galego contra as condutas aditivas.  

O sábado, Besteiro invervirá, xunto co secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, nun acto político en Lugo, no que participan tamén outras candidatas do partido.

Comentarios