18-F

Besteiro pide "debates serios sobre materias concretas" e critica que Rueda "fuxa"

O candidato socialista asegura que a súa primeira medida como presidente será aprobar a gratuidade dos libros de texto.
José Ramón Gómez Besteiro, hoxe, atendendo os medios de comunicación en Santiago. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, hoxe, atendendo os medios de comunicación en Santiago. (Foto: Europa Press)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, considera necesario que para as eleccións galegas do próximo 18 de febreiro haxa "debates serios sobre materias concretas" entre os aspirantes e criticou que o candidato popular e actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, "fuxa". O dirixente socialista pronunciouse nestes termos ao ser preguntado esta terza feira nun acto en Santiago de Compostela sobre a postura do PSdeG en relación aos debates electorais.

"Ten que haber cantos máis debates mellor. O que non pode ser isto é unha forma de escorrer o vulto por parte do candidato do PP", dixo Besteiro, que asegurou que o feito de que haxa diferentes debates e sobre diferentes materias é "enriquecedor". O candidato socialista á Xunta considerou que o PP ten unha "estratexia" para "fuxir destes debates" ou "diluílos para que non sirvan de nada".

"Por tanto, nós seguimos reclamando debates, debates serios, sobre materias concretas e nos que o PP non se escape", dixo. Precisamente, esta terza feira diferentes partidos políticos que concorren aos comicios do 18 de febreiro manteñen unha reunión para abordar a organización de debates.

A primeira medida, libros de texto gratuítos

Besteiro tamén asegurou que a primeira medida que tomará como presidente do Goberno galego será "aplicar a gratuidade dos libros de texto na educación obrigatoria" para todos os nenos e nenas que estuden en centros públicos ou concertados e comprometeuse a ampliar a FP dual a todas as especialidades. O socialista lembrou que a gratuidade dos libros foi a primeira medida que aprobou o Goberno de coalición de PSdeG e BNG, encabezado por Emilio Pérez Touriño, e a primeira que "tombou" o PP de Feixoo e Rueda. "Será a primeira que recupere", dixo.

Esta política, indicou, suporá un aforro para as familias dunha media de 600 euros por escolar só ao comezo do curso. Un desembolso importante que é necesario cubrir, segundo Besteiro, porque "a igualdade de oportunidades pasa, necesariamente, por unha educación pública de calidade e gratuíta".

O dirixente socialista anunciou, así mesmo, unha nova Lei de educación da Galiza que contemple as novas necesidades como a loita contra o acoso e o ciberacoso escolar; a prestación de servizo de atención psicolóxica gratuíta e a inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais con reforzo de profesorado especializado e dotación de recursos.

A nova lei contemplará tamén "a rebaixa do número actual de nenos e nenas por mestre e reverterá os recortes no sistema educativo dos gobernos de Feixoo e Rueda, para realizar unha recuperación progresiva das condicións de traballo do profesorado existentes antes da chegada dos gobernos do PP", como o aumento de docentes e a súa estabilización. Na súa intervención, ademais, celebrou o anuncio do presidente Pedro Sánchez de destinar máis de 500 millóns de euros ao reforzo das matemáticas e a comprensión lectora do alumnado.

FP Dual

Ademais, expuxo a súa proposta para a Formación Profesional Dual, que o PSdeG impulsará "en todas as titulacións e con novas modalidades, especialmente as estratéxicas, como as vinculadas aos sectores produtivos máis implantados no país. Para Besteiro é necesario "incentivar as empresas galegas e contar co seu apoio para completar a formación con prácticas". "A FP Dual aumenta a capacitación do alumnado e as súas posibilidades de emprego, xa que completan os seus estudos con formación práctica, o que lles dá experiencia necesaria para entrar no mundo profesional", indicou.

Deste modo, fronte ao triunfalismo do PP de Rueda, lamentou que Galiza vaia tamén por baixo da media española en canto ás novas matrículas de FP. "Os socialistas garantimos prazas públicas para as FP con maior taxa de empregabilidade, de forma que non haxa quen quede fóra por motivos económicos", apuntou nunha intervención na que tamén se comprometeu a "ampliar o número de bolsas".

"Fortaleceremos o sistema de bolsas que o PP desmantelou e demandaremos a transferencia das que xestiona o Ministerio", dixo para sinalar que tamén aumentará as axudas Erasmus tanto en Secundaria como nas universidades. En relación aos adultos e colectivos que necesitan formación para a súa reinserción laboral, apostou por proporcionar programas de cualificación e recualificación coa flexibilidade necesaria para facilitar a súa saída profesional.

Matrículas universitarias

No acto tamén se referiu ao anuncio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de que a primeira matrícula sexa gratis. "Nunca é tarde", lembrou para sinalar que o PSOE levou esta medida ao Parlamento, que foi rexeitada en varias ocasións polo PP. Ademais, lembrou que el xa aplicou esa medida no Campus de Lugo hai dez anos. "É bo que Roda copie agora esta medida socialista", dixo.

Xunto a Besteiro compareceron as candidatas Patricia Iglesias e Mayra García e o ex reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, ademais do portavoz de Educación no Parlamento, Luís Manuel Álvarez, xunto con outros membros da lista e representantes das Xuventudes Socialistas.

Comentarios