18-F

Besteiro: "Logrei eu máis que Rueda para Ferrol"

O candidato do PSdeG ao 18-F presenta os seus compromisos con Ferrol para que sexa “o centro da reindustrialización naval no Estado” liderado polo PSdeG na Xunta.

 

Fotos-JR-Empresarios-Ferrol-7-1200x675
photo_camera Gómez Besteiro no acto en Ferrol (Foto: PSdeG)

O candidato socialista á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, presentou esta sexta feira diante de sindicatos, confederación de empresarios de Ferrolterra e representantes sociais, o seu “compromiso con Ferrol” para que sexa “o centro da reindustrialización naval no Estado” que van a levar a cabo os socialistas cando gobernen na Galiza, dixo. O mesmo consta dun ambicioso plan en torno ao emprego, á especialización do naval e o sector enerxético.

“Eu hoxe comprométome con Ferrol, non só cos representantes sociais e empresariais aquí presentes, senón con toda a xente desta cidade e de Ferrolterra”, apuntou Besteiro.

Entre as propostas, destacan a reclamación ao Goberno estatal a construción do dique cuberto para finalizar a modernización do Estaleiro de Navantia, impulsar a financiación por parte da Xunta de Galicia dun novo Dique de Reparacións no Estaleiro de Ferrol, Crear un Centro de Formación da Industria Naval e das Enerxías renovábeis, desenvolver o Centro de Investigación da Enerxía Eólica Mariña e do almacenamento de enerxía.

O candidato do PSdeG tamén falou do encargo realizado polo Goberno de España a Navantia, anunciado a pasada cuarta feira polo presidente Pedro Sánchez, polo cal se construirá en Ferrol un buque de aprovisionamento de combate para a Armada Española. O mesmo, significa a creación de 1.800 empregos directos e indirectos. 

Tanto Formoso, como Ángel Mato – ex alcalde de Ferrol- coincidiron en destacar “o traballo clave” de Besteiro para lograr a chegada destas inversións do Estado en Ferrol.

Así mesmo, Besteiro lembrou os máis de 9.000 empregos creados e os 4.300 millóns de euros de investimento do Goberno estatal coas 5 fragatas F-110 que se están a construír en Navantia por encargo do Executivo español. Reivindicou que estando fóra do Goberno, el mesmo logrou “máis postos de traballo para Ferrol en tres meses que Rueda dentro da Xunta 20 anos” e que os socialistas “traballamos por dar o que máis importa aos galegos, un traballo co que prosperar”.

Todas estas actuacións son englobadas por Besteiro no “obxectivo de reindustrializar Galiza”, aproveitando as oportunidades da transición xusta, sendo que a comunidade é “unha potencia enerxética” e que de aproveitar as oportunidades “pode recuperar o peso que merece dentro da industria española e europea”.

Comentarios