Beiras, a Yolanda Díaz: "Se quere sacarme do medio que explique por que"

O líder de Anova e deputado de AGE no Pazo do Hórreo criticou nunha entrevista na Cadena Ser a actitude da coordenadora nacional de EU e deputada de En Marea no Congreso. "Cada quen que se olle nun espello".

Xosé Manuel Beiras
photo_camera Xosé Manuel Beiras [Imaxe Cadena SER]

Guerra aberta entre Xosé Manuel Beiras (Anova) e Yolanda Díaz (Esquerda Unida). Ou cando menos iso parece após os acontecementos dos últimos días e das declaracións do tamén deputado de AGE no Parlamento nunha entrevista concedida este domingo á Cadena Ser. 

Beiras criticou con dureza a actitude da coordenadora nacional de Esquerda Unida e deputada de En Marea, Yolanda Díaz, polo ter descartado como hipotético candidato á presidencia da Xunta. "Se quere sacarme do medio que explique por que", dixo. "Quen ten que decidir iso non é ela, son os cidadáns"

Beiras di que líderes de Podemos e Esquerda Unida "non están a favorecer a posta en práctica dos postulados políticos de En Marea" o que xerou, dixo, "certas distorsións" na coligazón

O desencontro non é novo. Nas últimas semanas as divisións no seo da coligazón perante a inscrición de En Marea como partido instrumental --co obxectivo de garantir a posibilidade dun grupo parlamentar no Congreso español após o 26X-- evidenciaron a fractura, como tamén as diferenzas entre os dous espazos de confluencia En Marea e Mareas en Común de cara aos comicios de outono ao Parlamento galego. 

Na entrevista, Beiras recoñeceu que a situación no seo da coligazón é delicada e mesmo acusou dirixentes das outras dúas formacións --Esquerda Unida e Podemos-- de "non" estar a "favorecer a posta en práctica dos postulados políticos de En Marea" o que xerou, dixo, "certas distorsións" na ccordenadora da coligazón. 

Non poden "ser perxuros" dos documentos asinados, dixo dando leitura ao Manifesto de Mazarelos, acordo tripartito (Anova-Podemos-EU) que deu lugar a En Marea e en referencia ás eleccións do 26X nas que Beiras insta a "ampliar" a candidatura con Mareas en Común mais rexistrada como partido instrumental, algo que rexeitan as forzas políticas con centro de decisión en Madrid. Así as cousas, Anova rexistrou formalmente esta posibilidade embora de maneira unilateral o que causou sorpresa e desencontro entre os seus socios. 

A respeito dunha hipotética ruptura no seo da coligazón, dixo, "confío en que non" pois "por fin" foi convocada unha "asemblea aberta a novos continxentes" de En Marea. O encontro terá lugar o 15 de maio.  Na que dixo agardar que o "cerebro colectivo" fique por riba dos "individuais" que "andan a outras cousas". 


Dereito a decidir
No centro do debate a soberanía nacional de Galiza. Un elemento que segundo Beiras foi eixo central do acordo que deu lugar á coligazón entre forzas nacionalistas e organizacións da esquerda española mais que non se estaría a respectar actualmente cuestión, di, que de se manter suporía unha "traizón" ao pobo galego e un aliñamento de Podemos e EU cos "intereses de estado". 

"Ela [Yolanda Díaz]  xa deixou o grupo parlamentar de AGE para ir ás Cortes españolas, non sei se iso é moi moral"

Mais alén diso Beiras apunta a "intereses persoais" de algunhas das persoas que fan parte da coligazón o contexto actual de En Marea. 

En troca, defendeu a súa traxectoria política ao longo destes anos e dixo ter "a ética como guía por diante e por riba da política". "Ninguén puido pillarme nunha fraude", subliñou, para a renglón seguido atacar de novo a Díaz. "Ela xa deixou o grupo parlamentar de AGE para ir ás Cortes españolas, non sei se iso é moi moral". "Eu non deixo na estacada a xente que me votou", remarcou.    

Beiras criticou tamén a posibilidade de que unha candidatura que re-edite En Marea nas eleccións ao Parlamento de Galiza sexa encabezada por unha persoa independente, isto é, que non faga parte de ningunha das tres forzas políticas que até o de agora integran a coligazón. Unha figura que tildou de "estrela rutilante". 

Segundo o líder de Anova aínda hai quen lle pide pola rúa que continúe embora non querer "ter poder" en ningún momento. "Nunca quixen ser secretario xeral" ao longo da súa traxectoria política. "Eu non son tan importante", dixo. 
 

Comentarios