Preséntanse tres candidatas

Batalla no PP de Vigo para ostentar o poder

Os ex conselleiros Elena Muñoz e Javier Guerra e a ex delegada da Xunta en Vigo Lucía Molares son as tres persoas que aspiran a ostentar o poder no PP vigués. Molares foi a última en se sumar á batalla.

[Imaxe: Twitter] Elena Muñoz
photo_camera [Imaxe: Twitter] Elena Muñoz

Este sábado ás 12h rematou o prazo para presentar as sinaturas esixidas para concorrer á Presidencia do PP de Vigo. Ás candidaturas xa presentadas dos ex conselleiros Elena Muñoz e Javier Guerra, sumouse a de Lucía Molares, quen fora ex delegada da Xunta en Vigo e quen na actualidade dirixe a SEPES, entidade estatal de solo dependente do Ministerio de Fomento.

O PP de Vigo atópase fortemente dividido. A propia Elena Muñoz, portavoz do PP no Concello, enviou un comunicado para facer un chamamento á unidade nun momento en que as desavinzas son máis evidentes. A división do PP de Vigo acrecentouse após as eleccións municipais, cando o partido caeu dos 13 aos 7 edís. Os críticos, encabezados por José Manuel Figueroa, aproveitaron as eleccións locais para pediren un cambio de rumo.

Denuncia de irregularidades

As diferenzas no seo do PP vigués son de tal calado que as persoas afíns a Guerra presentaron un recurso perante o Comité de Garantías por supostas irregularidades no proceso de convocatoria do Congreso. Sospeitan de manobras para favorecer Muñoz a respeito dos prazos e do censo de persoas afiliadas.

Mentres que Muñoz presentou 600 sinaturas de apoio, Molares entregou 200 e Guerra algo máis de 100. Entre o 21 de novembro e o 12 de decembro terá lugar a recollida de avais (esíxenlle un mínimo de 200) e o 17 de decembro desenvolverase o Congreso local.

Comentarios