18-F | Barómetro para Nós Diario

Avance do barómetro electoral de EM-Analytics: o PP baixa 0,6 puntos nunha semana e a oposición sobe 1,2

'Nós Diario' publica a segunda entrega da enquisa do Instituto Demoscópico EM-Analytics. A sondaxe está publicada sen ningunha modificación por parte do xornal, tal é como se fixo coa divulgada o sábado 20 e tal e como se fará coas entregas do tracking diario —do 1 ao 12 de febreiro—. Nesta entrega, o estudo incide na tendencia á baixa do PP, que se deixa 0,6 puntos na última semana, e é superado en votos pola suma do BNG, do PSdeG, de Sumar e de Podemos, que alcanzan 50,4% dos sufraxios. O barómetro completo, coa distribución de escanos por circunscricións, publicarase no xornal en papel deste sábado, 27 de xaneiro.
Evolución do 'tracking' electoral elaborado por EM-Analytics en exclusiva para 'Nós Diario'.
photo_camera Evolución do 'tracking' electoral elaborado por EM-Analytics en exclusiva para 'Nós Diario'.

A tendencia á baixa do Partido Popular acelérase. Os populares situaríanse en 45,4% dos sufraxios, é dicir, 0,6 puntos por baixo da pasada entrega do barómetro electoral elaborado polo Instituto Demoscópico EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario. A porcentaxe de sufraxios da formación liderada por Alfonso Rueda estaría por baixo da obtida polo PP nas eleccións galegas de 2005, cando foi apartado do Goberno galego polo PSdeG e o BNG.

A formación de Ana Pontón confirma a súa liña ascendente. Neste caso, o BNG incrementa a súa intención de voto en cinco décimas para chegar a 26,8%. Pola súa parte, o PSdeG recupera posicións. Os socialistas incrementan a súa intención de voto en cinco décimas, alcanzando 18,8% dos sufraxios.

 

Na circunscrición de Ourense, a enquisa outorga a mesma porcentaxe de voto a Democracia Ourensá, 5,8%, que na anterior entrega do barómetro. E no conxunto do país, Sumar conseguiría 3,5% dos votos, tras mellorar na última semana a súa porcentaxe en dúas décimas. Vox ficaría con 3% dos votos —tres décimas máis— e Podemos, con 1,3%.

 

O barómetro completo, coa distribución de escanos por circunscricións, publicarase no xornal en papel deste sábado, 27 de xaneiro. E a partir do 1 de febreiro, e até o día 12 —último no que a lei permite difundir enquisas— Nós Diario publicará en exclusiva un tracking diario elaborado tamén por EM-Analytics.

Ficha técnica.

Comentarios