18-F | Barómetro para Nós Diario

Avance do barómetro electoral de EM-Analytics (1 de febreiro): o BNG gañaría unha acta en Ourense a costa de DO e sumaría 23

O barómetro para as eleccións galegas do Instituto Demoscópico EM-Analytics que publica en exclusiva 'Nós Diario' rexistra unha suba do BNG na circunscrición de Ourense que lle valería un escano a costa de Democracia Ourensá, que ficaría así sen a representación no Parlamento da Galiza que lle daban as dúas anteriores enquisas difundidas por este xornal. Esta nova entrega do barómetro elaborado por EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario publicarase de forma íntegra, incluíndo a repartición de votos e escanos en todas as circunscricións e mais no conxunto da Galiza, no xornal desta quinta feira, 1 de febreiro. Aliás, até o día 12, cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral de EM-Analytics.
Distribución de votos e escanos en Ourense, segundo o barómetro elaborado por EM-Analytics en exclusiva para 'Nós Diario' que se publicará íntegro esta quinta feira, 1 de febreiro.
photo_camera Distribución de votos e escanos en Ourense, segundo o barómetro elaborado por EM-Analytics en exclusiva para 'Nós Diario' que se publicará íntegro esta quinta feira, 1 de febreiro.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) marca un novo ascenso na terceira entrega do barómetro do Instituto Demoscópico EM-Analytics —difundido en exclusiva por Nós Diario—, alcanzando un novo escano na circunscrición de Ourense en detrimento de Democracia Ourensá (DO) e sumando 23 actas, catro máis que as actuais. En consecuencia, DO ficaría sen representación no Parlamento da Galiza.

Nesta circunscrición non só o BNG experimentaría unha repunta (+1,3 puntos) a respecto do barómetro previo de EM-Analytics publicado por Nós Diarioo pasado sábado día 27—, senón que tamén elevaría o número total de sufraxios o PP (+1,2 puntos), pasando a obter un 51,8% do total, garantindo os oito escanos que xa tiña na anterior entrega —e que gañou nas eleccións de 2020—.

Pola contra, as catro décimas que baixaría DO, até o 5,4% nesta circunscrición, faríalle perder a Armando Ojea a acta que lle outorgaba o anterior barómetro. E o PSdeG tampouco sae ben parado en Ourense nesta nova entrega, pois pasaría dun 15,7% a un 14,2%, se ben mantería os dous representantes.

Podemos mantería nesta circunscrición o 0,2% que xa tiña na enquisa do sábado 27 e Sumar retrocedería unha décima, pasando de 1,1% a 1%. As restantes formacións que concorren ás eleccións en Ourense repartiríanse o 1% restante de sufraxios.

Esta nova entrega do barómetro elaborado por EM-Analytics en exclusiva para Nós Diario publicarase de forma íntegra, incluíndo a repartición de votos e escanos en todas as circunscricións e mais no conxunto da Galiza, no xornal desta quinta feira, 1 de febreiro. Aliás, até a segunda feira 12 de febreiro —incluída—, Nós Diario publicará cada día unha nova entrega do 'tracking' electoral diario de EM-Analytics.


FICHA TÉCNICA

Universo: persoas con dereito a voto na Galiza. / Ámbito: Galiza / Cotas por escala ideolóxica, idade, sexo, renda, ocupación, territorio, formación e interese na política, segundo a distribución do censo electoral. / Tamaño da mostra: 1.400 enquisas satisfactorias. / Procedemento de recollida de información: Modelo híbrido. Entrevista online, asistida por ordenador con cuestionario intelixente estruturado CAWI. Reforzo de mostra en Lugo e Ourense con entrevistas telefónicas a fixos e móbiles, asistidas por sistema CATI. / Marxe de erro: 2,62% (N-1.400 para un grao de confianza do 95% (dous sigmas) e na hipótese de P=Q=0,5. / Duración do cuestionario: 4-5 minutos. / Datas do traballo de campo: Inicio do tracking: 1 de xaneiro. Mostra engadida: 30-31 de xaneiro de 2024. / Número de supervisores: 3. Responsábeis da análise: Rodrigo Panero y Miguel Díaz. / Instituto: EM-Analytics.com.

Comentarios