Así se reparten as subvencións por escanos no Parlamento galego

O reparto desta subvención faise en cumprimento coa Lei de financiamento das formacións políticas, que estabelece o marco de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das organizacións con representación no Parlamento galego.
Parlamento da Galiza, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Parlamento da Galiza, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle esta segunda feira o reparto de subvencións das distintas formacións que compoñen actualmente o Parlamento galego, atendendo ao criterio de número de escanos e votos que obtivo cada partido político nas últimas eleccións galegas de 2020.

O montante total desta subvención ascende até os 2 millóns de euros, a repartir entre o Partido Popular (PP), que obtivo 42 escanos; o Bloque Nacionalista Galego (BNG), con 19 deputados; e o Partido Socialista (PSdeG), coa menor representación, 14 asentos na Cámara galega.

Neste sentido,os populares, como grupo maioritario no Parlamento galego durante esta lexislatura, obtén unha cantidade de 1.079.523,74 euros, lixeiramente superior a 50% do total da subvención.

Pola súa parte, o Bloque recibe 515.872,32 euros en virtude dos seus 19 deputados, mentres que os socialistas, perciben 404.603,89 euros.

O reparto desta subvención faise en cumprimento coa Lei de financiamento das formacións políticas, que estabelece o marco de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das organizacións con representación no Parlamento galego.

Reparto de subvencións

O reparto de subvencións entre os grupos parlamentarios galegos está fixado desde 2012 da seguinte maneira: cada formación recibe anualmente unha contía fixa de 119.661,48 euros.

A maiores, cada grupo recibe unha contía variábel segundo o número de deputados que obtivesen nas anteriores eleccións galegas. Por cada deputado ou deputada, os partidos reciben 22.044,12 euros anuais.

Por último, cada formación política recibe unha subvención anual de 70.782,72 euros, destinada a pagar os salarios do persoal que contrate cada grupo parlamentario.

Comentarios