18-F | Vídeo

Xácome fai unha versión dos Village People para levar Ourense "á Xunta"

O líder de Democracia Ourensá chama a votar a candidatura que encabeza Armando Ojea nunha versión de 'In the Navy' en castelán e con topónimos deturpados.
Gonzalo Pérez Xácome gravando a súa versión de 'In the Navy'. (Foto: @gonzalojacome)
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome gravando a súa versión de 'In the Navy'. (Foto: @gonzalojacome)

"Oye tú, oye tú, ourensano decides tú!". Así se dirixe aos seus veciños e veciñas de toda a circunscrición de Ourense o alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Xácome, quen optou por facer unha versión —acompañado doutros dirixentes de Democracia Ourensá— do mítico In the Navy dos Village People, para pedir o voto co compromiso de levar Ourense "á Xunta".

O vídeo foi difundido en redes sociais esta cuarta feira polo propio rexedor, quen busca o apoio o 18 de febreiro para a candidatura por Ourense que DO presenta encabezada polo seu tenente de alcalde, Armando Ojea.

No vídeo, Xácome arrinca cunha apelación directa aos ourensáns que verbaliza el mesmo: "Oye tú! Ourensano decides tú", di, en castelán. A continuación, con imaxes do Entroido e de distintas localidades da circunscrición, ás que se menciona na canción, mais co topónimo deturpado —"El Barco", "La Rúa"—, chama a unir o voto a DO e a que "non falte ninguén da provincia".

"Vamos, Ourense!", proclama o rexedor, antes de que, a varias voces, proclame: "Á Xunta! Ourense vai decidir! Á Xunta! Ourense vai rexurdir! Na Xunta. Ourense debe elixir. Democracia Ourensá si!"

Durante o vídeo, que conclúe cunha imaxe de 'Vota DO. Democracia Ourensana. Ourense primeiro', o rexedor aparece en varios momentos, en moitos deles con membros da súa candidatura ao Parlamento galego, incluído o propio cabeza de cartel.

Comentarios