Arkaitz Rodríguez: "O soberanismo vasco foi espiado toda a súa historia"

Arkaitz Rodríguez, secretario xeral do partido vasco Sortu, visitou esta quinta feira a Galiza para participar nunha palestra organizada pola Fundación Galiza Sempre, que levou por título 'Unha ollada estratéxica desde Euskal Herria'. Nós Diario mantivo unha conversa con Arkaitz Rodríguez aproveitando a súa estancia no noso país.
Arkaitz Rodríguez, secretario xeral de Sortu. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Arkaitz Rodríguez, secretario xeral de Sortu. (Foto: Nós Diario).

—Pensa que neste momento pode estar a ser espiado?

Non me cabe a menor dubida de que o estarei, o independentismo vasco e o movemento abertzale foi espiado durante toda a súa historia. O Caso Pegasus é un auténtico escándalo, non cabe dubida, mais no caso vasco a espionaxe política ten constituído e constitúe unha practica sistemática e estrutural.

—Cree que Pedro Sánchez rematará tomando decisións como o cesamento de Margarita Robles para salvar o seu Goberno?

Sánchez e o conxunto do actual Goberno español ten que entender unha cousa, e é que non é suficiente con que un se diga a si mesmo progresista, non é suficiente con querer parar a dereita e a ultradereita. Hai que exercer como progresista e non se para as forzas reaccionarias reproducindo as súas prácticas. Paráselles abordando unha democratización en profundidade do Estado español, que é a tarefa pendente na medida en que, despois de 45 anos, non se ten abordado unha ruptura democrática co réxime franquista, do que o actual Estado español é unha sorte de continuación. 

—Onte EH Bildu votou a prol do 'plan anticrise' do Goberno español. Ve Bildu ao PSOE como un socio fiábel?

A posición que mantivo hoxe EH Bildu, que tamén mantivo outra forza soberanista como é o BNG, foi a de non facer pagar á xente os erros que comete o Goberno, por graves que sexan. As medidas contra a crise que hoxe se votaban son insuficientes e mellorábeis, porén, van beneficiar as maiorías sociais e traballadoras do noso país, de Euskal Herria, mais tamén do conxunto do Estado.

Por outro lado, nós coñecemos perfectamente o PSOE, non esquecemos o seu pasado e as súas limitacións, mais pensamos que deberíamos ter un obxectivo concreto na actual conxuntura histórica, impedir un fechamento, xa sexa duro na versión PP-Vox, ou ben sexa brando na versión PP-PSOE, da crise do réxime do 78, a maior crise que ten sufrido este réxime na súa historia. 

É iso o que está en xogo, ou unha saída, xa sexa de corte autoritario, xa sexa branda coa recuperación dos grandes pactos de Estado, ou ben manter aberta esta sorte de fiestra de oportunidade co fin de avanzar o máximo posíbel na recuperación de dereitos sociais, económicos, laborais e nacionais, así como nunha axenda de democratización en profundidade deste Estado que tería que pasar polo recoñecemento do dereito a decidir das nacións sen Estado. Pensamos que as forzas soberanistas non deberían pasar isto por alto. 

—Como articula EH Bildu a convivencia entre tres formacións de traxectoria moi diferente (Sortu, Eusko Alkartasuna e Alternatiba)  e militancia independente?

Primando o interese xeral e apartando aquelas cuestións que nos separan. Deixando de lado esa práctica tan nefasta que se practica na esquerda como é a fragmentación. EH Bildu ten demostrado e demostra que é posíbel superar esa mala praxe e articular forzas entre diferentes ao redor de concepcións comúns. 

—Sortu apostou no seu último Congreso por dar protagonismo a EH Bildu como unha alternativa real con posibilidade de gobernar. Á hora de facer pactos van priorizar o eixo nacional ou a esquerda?

EH Bildu considera que ten ser capaz de chegar a acordos con todas as forzas políticas e é o que vén practicando. Con unha condición, que sirva para mellorar as condicións laborais e de vida das maiorías traballadoras e para reforzar a relación de forzas entre Euskal Herria e o Estado español. Pensamos nos grandes retos que afrontamos como pobo mais tamén como humanidade, e pensamos que estes retos precisan dun novo liderado que tan só pode vir do soberanismo de esquerda.

Comentarios