Carmela Silva será a presidenta do PSdeG e a alcaldesa de Lugo ocupará a vicesecretaría xeral

O concelleiro da Coruña José Manuel Lage Tuñas ocupará a Secretaría de Organización na nova executiva liderada por Valentín González Formoso. O presidente da Fegamp, Alberto Varela, tamén terá un papel destacado.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a comparecencia. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presidirá agora o PSdeG. (Foto: Deputación de Pontevedra)

Os nomes chave do PSdeG na nova executiva liderada por Valentín González Formoso -que se impuxo nas primarias ao que era secretario xeral, Gonzalo Caballero- comezan a transcender na tarde desta terza feira.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, pasará a ocupar o mesmo cargo no seo do PSOE, mentres que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, estará á fronte da vicesecretaría xeral.

A Secretaría de Organización da formación política quedará nas mans do concelleiro coruñés, José Manuel Lage Tuñas, figura de poder no goberno local de Inés Rey. O edil coruñés é unha persoa moi próxima ao tamén presidente da Deputación da Coruña. Ademais, xa ocupou esta responsabilidade na estrutura provincial do partido na Coruña durante a etapa de Formoso como líder provincial.

Os temas municipais, para o actual presidente da Fegamp

Así o trasladaron fontes socialistas a Europa Press, que tamén destaca que o alcalde de Vilagarcía e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, vai ter un posto importante na área de Política Municipal.

Así mesmo, sábese que a ourensá Marga Martín vaise facer cargo do departamento de Política Social no seo do partido. Por outra parte, tamén está previsto que González Formoso incorpore á súa equipa representantes do PSdeG en Compostela e Ferrol.

Un intento de inclusión

O nomeamento de Carmela Silva nun cargo de poder, que ocupaba o senador Xoaquín Fernández Leiceaga durante a etapa de Gonzalo Caballero á fronte do PSdeG, enmárcase supostamente no obxectivo de Formoso de incorporar á dirección do partido á agrupación de Vigo, na que Gonzalo Caballero gañou as primarias de outubro.

Fontes próximas a González Formoso sinalaron nos últimos días que o novo secretario xeral porá nun lugar destacado o municipalismo coa vista posta nas eleccións locais de 2023.

Unha das incógnitas do congreso será a conformación do comité nacional nun contexto no que Gonzalo Caballero avanzou que presentaría unha lista alternativa se non se producía un exercicio de integración por parte da nova dirección.

Precisamente, este asunto motivou un dos momentos de tensión esta terza feira, cando o político vigués pediu a palabra no plenario alegando unha "cuestión de orde" para denunciar que o presidente do XIV Congreso, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, negábase a informar das regras para a presentación de candidaturas a este órgano.

Comentarios