Anxo Quintana acode a Xinzo de Limia para abeirar a candidatura do BNG

Afirma que o BNG ten "o mellor programa e candidata" e cre que "a política debe servir para tentar convencer a quen non pensan" igual

Camilo Vila, Noa Presas, Anxo Quintana, Xaira Pena e Sonia Vidal. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Camilo Vila, Noa Presas, Anxo Quintana, Xaira Pena e Sonia Vidal. (Foto: Nós Diario)

O ex vicepresidente da Xunta da Galiza Anxo Quintana entra esta terza feira na campaña electoral das galegas para coprotagonizar un mitin no que acompañará a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, en Xinzo de Limia. "Moitos queren unha presidenta como Ana (Pontón), independentemente da súa condición partidaria", afirmou.

Quintana regresa con este mitin nunha campaña electoral que o BNG centra no liderado de Ana Pontón como figura de "presidenta", un fin para que o traballou no últimos catro anos tras conseguir situar a formación nacionalista como a primeira forza da oposición, con 19 deputados.

"Estou encantado de facelo, é un momento especial en que hai moita xente ilusionada con que poida haber un cambio, que é factíbel, posíbel e desexábel", manifestou, en declaracións á axencia Europa Press, o ex dirixente nacionalista, retirado xa hai anos da vida política partidaria, pero que xa tivo algunhas ocasións de volver mostrar o seu apoio á formación nacionalista.

Non será a única aparición para apoiar a candidatura do BNG nesta campaña electoral (polo menos ten confirmada outra cita en Rairiz de Veiga), unha figura, a de Anxo Quintana, que no seu liderado á fronte do BNG tratou de traccionar o voto galeguista por enriba da disxuntiva esquerda-dereita.

A cabeza de lista do BNG, Ana Pontón, recibe, así, o apoio de quen liderou as políticas de igualdade e sociais durante a época do Goberno de coalición de PSOE e BNG entre 2005 e 2009, un día despois de que ela mesma se proclamara no debate electoral como que aspira a ser a "presidenta do benestar", asumindo en primeira persoa, dixo, as competencias de Igualdade se asume as rendas de San Caetano.

"En Xinzo teño moitos amigos e coñecidos, moitos compañeiros. Síntome como na casa. Xinzo e Allariz [o seu municipio e no cal foi alcalde durante máis de dez anos] non son o mesmo, pero parecido", chanceou para mostrar proximidade con este municipio situado na comarca veciña.

O nacionalista apelou a que a súa idea global da política non cambiou, sostivo que "o que toca agora reivindicar non é [o seu labor] no pasado", senón que "toca reivindicar a necesidade de que unha muller como Ana Pontón sexa a próxima presidenta da Galiza".

"A política debe servir para tentar convencer aqueles que non pensan como un ou coma nós", expresou, nestas mesmas declaracións a Europa Press previas ao mitin, Anxo Quintana, unha idea que, reivindicou, sempre defendeu.

“O mellor que se presenta”

Quintana afirmou que "o programa do BNG e a candidata son o mellor que se presentan a estas eleccións". "Non por ser un programa de esquerdas, que o é, nin nacionalista, que o é; senón porque é un programa e unha candidata que presenta propostas que son moi boas para cada un de nós e as nosas familias", apostilou.

O ex vicepresidenta puxo o foco en que Pontón "non ten que pedir permiso a Madrid cada vez que ten que tomar unha decisión" e é o que "está a provocar que exista unha esperanza certa e que sexa posíbel que haxa un cambio". "Pero é posíbel non porque o BNG sexa nacionalista, que está moi ben que o sexa, nin sexa de esquerdas, que está moi ben que o sexa e coincido (coas ideas); senón porque hai moita xente en Galicia que quere que exista un partido galego e que quere que unha presidenta como Ana (Pontón), independentemente da súa condición partidaria", salientou.

"E temos a posibilidade de votar por unha persoa honrada, honesta e traballadora", remarcou, para asegurar que se é presidenta "terá erros e acertos, pero todo o que fará será pensando no país, sen pedir permiso a ninguén". "E creo que realmente que iso é o que necesita Galiza", sentenciou.

Quintana súmase á nómina de apoios que Ana Pontón, que tamén contou coa ex conselleira Teresa Táboas no grupo de expertos para a elaboración do programa.

Comentarios