REUNIóN DA COORDINADORA NACIONAL

Anova propón como obxectivo acadar a maioría no Parlamento galego

A Coordinadora Nacional de Anova, reunida este sábado, 26 de decembro, en Teo, avogou en “seguir avanzando” no seo de En Marea co fin de acadar a maioría no Parlamento galego o ano que entra. Beiras ve posíbel agora unha confluencia co BNG.

marivi (2)
photo_camera marivi (2)

Reunida para valorar os resultados do 20 de decembro, a Coordinadora Nacional de Anova acordou “facer unha aposta clara e decidida por continuar a desenvolver” En Marea como “ferramenta de base cidadá para mudalo todo” e contribuír á “potenciación dunha alternativa cidadá real para, nuns meses, acadar a maioría no Parlamento galego”.

“A fiestra de oportunidade para a expresión da unidade popular continúa aberta. Cómpre agora termos colectivamente a intelixencia política e a xenerosidade necesarias para levar este proxecto adiante”, sinala a Coordinadora nun dos puntos da resolución aprobada na mañá deste sábado en Teo. Ao respecto e en declaracións aos medios, o portavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras, apuntou que "é posíbel agora" unha confluencia co BNG.

Anova, que cualificou de “históricos” os resultados de En Marea nestas eleccións xerais, alude no documento aprobado que se cumpren “todos os requirimentos necesarios para constituír, por vez primeira, un grupo parlamentar galego no Congreso”, malia o apuntado polos propios letrados da Cámara.

Ademais, no documento, Anova sinala que “estas eleccións constituíron tamén unha demostración palpábel de que os procesos amplos e plurais de unidade popular” contan cunha “importante receptividade social para liderar o cambio político e social” e aposta en facer o posíbel por sacar o PP do goberno.

Comentarios