O BNG activa un 'consello asesor' en materia económica para desenvolver o programa do "mellor Goberno da Galiza"

Máis dunha vintena de especialistas en diferentes ámbitos da economía e persoas con experiencia de Goberno forman parte deste consello coordinado por Olalla Rodil e Luís Bará e presidido por Ana Pontón.
Ana Pontón reunida por primeira vez co consello asesor do BNG para a elaboración da súa alternativa programática de cara ás próximas eleccións galegas . (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón reunida por primeira vez co consello asesor do BNG para a elaboración da súa alternativa programática de cara ás próximas eleccións galegas. (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este sábado na primeira reunión do Consello Asesor en materia económica posto en marcha pola formación para "definir con claridade, ambición e realismo o proxecto económico do futuro Goberno galego", que será, dixo "o mellor Goberno da Galiza".

As ideas que deriven deste consello serán "claves no programa de Goberno" co que o BNG concorrerá aos próximos comicios galegos, unhas eleccións que serán "decisivas para o futuro do país", dixo.

Pontón apostou por poñer en marcha "un novo proxecto de país" con ideas "audaces" e "transformadoras" coas que "construír unha mellor" Galiza, un proxecto que pasa por ter en conta a sustentabilidade e por "poñer en marcha todo o potencial" galego e a "todos os sectores produtivos".

Proxecto económico

O proxecto económico do BNG, engadiu Ana Pontón, buscará dar oportunidades aos mozos e estará movido "pola enerxía da ciencia, da tecnoloxía e da innovación", cun "manual de instrucións propio" para "enriquecer o mundo coa nosa diferenza".

Tamén será "equitativo e xusto", xa que "non só é necesario crecer", apuntou a portavoz nacional do BNG, se non que hai que facelo con "equidade interterritorial" e igualdade de xénero e de oportunidades.

O actual, dixo Ana Pontón, é "o reto máis importante das últimas décadas", xa que o BNG está "máis perto que nunca de poder liderar o Goberno galego". Para iso, é "moi importante acertar co diagnóstico e propoñer aos galegos as mellores solucións" a través de "políticas ambiciosas, realistas e baseadas na confianza".

Consello asesor

O consello asesor está composto por especialistas en diferentes ámbitos da economía e persoas con experiencia de Goberno, e complementarase con visitas a distintos sectores e áreas do territorio.

Coordinado por Olalla Rodil e Luís Bará, forman parte del persoas como Edelmiro López, xefe do departamento de Economía Aplicada da USC; a ex conselleira Teresa Táboas; a catedrática de linguaxes e sistemas informáticos da UDC Nieves Brisaboa; o ex reitor da Universidade de Vigo Salustiano Mato; a científica do CSIC Dolores Puga; a profesora de enxeñería agroforestal da USC Montse Valcárcel; a xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia Eva González; ou o ex conselleiro de Medio Rural Alfredo Suárez Canal, entre outros.

No arranque da reunión, Ana Pontón dixo que "unha das grandes prioridades" do Goberno autonómico que aspira a liderar é "ser capaces de poñer este país a producir" e alcanzar a "transformación económica" necesaria para Galiza.

O PP, en declive

Nos datos demográficos negativos a voceira nacional do BNG observa emigración de mozos e mozas e "perda de músculo industrial", con 21.000 empregos menos na industria con respecto a 2009. Trátase, dixo, "dunha proba evidente de que o PP non está a xerar confianza" entre os empresarios.

"Necesitamos un Goberno con ganas de darlle un futuro mellor a este país", engadiu Pontón, que apostou por "elaborar un ambicioso programa de transformacións económicas en liña cos grandes retos que Galiza ten como país". "Hoxe o BNG lidera en Galiza a alternativa ao PP", dixo Pontón, que "fronte ao declive do PP", instou a "liderar a posta en marcha do mellor Goberno da historia" da Galiza.

Comentarios