Investidura de Rueda

Ana Pontón: "Empeza a conta atrás para o cambio galego"

A portavoz nacional do BNG critica a "autocompracencia" de Alfonso Rueda e preséntase como unha "presidenta coas mans libres" para a Xunta da Galiza.
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, a pasada semana, no Parlamento galego. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, a pasada semana, no Parlamento galego. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentouse esta terza feira como a "alternativa" nas próximas eleccións galegas e como "presidenta coas mans libres" para "defender os intereses" dos galegos.

"Empezou a conta atrás para o cambio galego. O PP é cada vez máis o pasado e o BNG representa o futuro. Fronte á falta de proxecto e alternativas, o BNG presentará as propostas de goberno para sacar adiante Galiza da maior crise de prezos", proclamou.

Na súa primeira valoración após a intervención do candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, Pontón observou "un discurso autocompracente, desapegado dos problemas e sen idea de futuro, que representa o pasado e até isto se notaba nas bancadas do PP, onde había de todo menos entusiasmo".

Fronte a iso, a dirixente do Bloque, que tendeu a man a todos aqueles que leven a Galiza "na cabeza e corazón", situou "un BNG que representa unha alternativa, que sabe que este país pode saír adiante, pero necesita outras ideas" para, entre outras cuestións, "superar a maior crise de prezos".

Pontón, que intervirá a vindeira quinta feira na quenda de grupos parlamentarios, apuntou que alí debullará as alternativas dun goberno presidido por ela, como un plan de 200 millóns de euros para a atención primaria.

Rueda enxalza Feixoo

Durante o pleno, Alfonso Rueda, reivindicou a figura do presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feixoo, a quen definiu como "un galego exemplar" do que "aprendeu o verdadeiro significado do servizo público".

Ao comezo do debate de investidura, o aínda vicepresidente da Xunta, quen participou dos gobernos de Feixoo desde 2009, asegurou que ao agora líder do PP estatal "non se lle concedeu a fortuna de gobernar en tempos calmos, senón que se curtiu nalgúns dos momentos máis complicados da Galiza das últimas décadas".

Comentarios