POLÍTICA

Rueda reivindica Feixoo como "un galego exemplar" e di que del aprendeu "o verdadeiro significado do servizo público"

Investidura de Rueda

Rueda reivindica Feixoo como "un galego exemplar" e di que del aprendeu "o verdadeiro significado do servizo público"

O aínda vicepresidente en funcións da Xunta arrinca o debate de investidura enxalzando a figura de Núñez Feixoo e avanza rebaixas de impostos.
O candidato a presidir a Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente en funcións do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira, no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O candidato a presidir a Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente en funcións do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira, no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O candidato á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou esta terza feira a figura do presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feixoo, a quen definiu como "un galego exemplar" do que "aprendeu o verdadeiro significado do servizo público".

Ao comezo do debate de investidura, o aínda vicepresidente da Xunta, quen participou dos gobernos de Feixoo desde 2009, asegurou que ao agora líder do PP estatal "non se lle concedeu a fortuna de gobernar en tempos calmos, senón que se curtiu nalgúns dos momentos máis complicados da Galiza das últimas décadas".

"Teño que dicir que con Feixoo aprendín o verdadeiro significado do servizo público", sostivo Rueda, que destacou que co paso que vén de dar Feixoo, "sitúa, unha vez máis, os intereses de todos por riba dos seus propios".

"Os galegos confiamos en que, sexa cal for a responsabilidade que lle toque asumir nos próximos anos, onde queira que o leve a vontade dos españois, Alberto Núñez Feixoo seguirá sendo sempre un servidor da Galiza", indicou.

Por iso, solicitou o apoio da Cámara para ser presidente da Xunta e "seguir o exemplo dun galego exemplar". Todo iso nunha intervención na que, aliás, manifestou o seu desexo de que a Galiza "siga sendo referente desa normalidade" coa que "marca o rumbo do resto do Estado español" após catro maiorías absolutas.

"Quero ser presidente da Xunta para profundar nos acertos que tivo a nosa terra nestes 40 anos e para tratar de mellorar aquilo que aínda pode facerse mellor", apuntou Rueda.

Ao mesmo tempo, avanzou que a Galiza "non esperará o Goberno estatal" e no ano 2023 "reducirá o primeiro treito do IRPF" de 9,4% a 9%, ficando como o segundo territorio do Estado español "con menos impostos para as rendas máis baixas".

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios