Ana Miranda: ''O voto non ten carné, somos o voto de Galiza''

A candidata do BNG nas europeas foi entrevistada no Galicia por Diante (RG), onde defendeu a importancia de que unha forza nacionalista “sen ataduras, sen dependencias” estea na Eurocámara.

ana miranda
photo_camera Foto:Galicia por Diante

A candidata do BNG nas eleccións europeas foi entrevistada nesta cuarta feira no programa da Radio Galega 'Galicia por diante', onde defendeu a “utilidade” e a “necesidade” de votar o 25 de maio pola lista nacionalista. “Con nós os intereses do país estarán en Europa vía voo directo, sen escalas”. Miranda incidiu en que o escano do BNG é “o escano do pobo galego” e definiu a candidatura como “a da cidadanía galega que se rebela”.

"Galiza é Europa, pero non esta Europa, con estes executores do rescate bancario" , manifestou, e apuntou a que non houbo problemática nestes anos en Galiza que non estivese na Eurocámara da man do BNG.

Preguntada pola coligación don EH Bildu, Miranda defendeuno no marco duns comicios nos que a circunscrición estatal obriga a alianzas para poder ter representación. E insistiu: “O voto que vaia en Galiza para o BNG, será para o BNG”.

Tamén respondeu Ana Miranda a preguntas sobre a imposibilidade das forzas nacionalista galegas de presentar unha candidatura conxunta a Europa. “Tentámolo. Falamos moitas horas. E non foi posíbel”. E engadiu: “Non foi culpa de ninguén, mais agora, o voto útil é o BNG”.

Comentarios