Análise

A conexión mexicana de Núñez Feixoo

A causa contra Emilio Lozoya Austin non fixo máis que comezar. A petición de 39 anos de cárcere para o antigo máximo executivo da empresa pública Petróleos de México (Pemex) por ilegalidades na xestión da compañía anuncia novos procedementos xudiciais. As noticias que chegan do país azteca preocupan a Núñez Feixoo e ao seu entorno máis próximo.

 

José Manuel Carrero Panizo, Carlos Roa, Alberto Núñez Feixoo, Emilio Lozoya, (...) e Francisco Conde nunha xuntanza na sede de Pemex en México en marzo de 2014.
(Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera José Manuel Carrero Panizo, Carlos Roa, Alberto Núñez Feixoo, Emilio Lozoya, (...) e Francisco Conde nunha xuntanza na sede de Pemex en México en marzo de 2014.(Foto: Xunta da Galiza)

A solicitude da Fiscalía Xeral da República de México de 39 anos de prisión contra Emilio Lozoya Austin refírese exclusivamente a súa relación co caso Odebretch. Unha operativa de lavado de diñeiro, trato de favor e asociación para o delito co obxectivo de beneficiar a multinacional brasileira Odebretch de quen, presuntamente, o primeiro directivo da petroleira pública azteca recibiu subornos a cambio de contratos. Porén, fican pendentes de investigación outras operacións formalizadas por Pemex entre 2012 e 2016, entre elas a referida á entrada no capital e compra do estaleiro vigués de Barreras en 2013.

As dúbidas sobre esta operación foron denunciadas por diversos responsábeis públicos mexicanos. Sen ir máis lonxe, en xuño de 2019, o presidente do país, Ángel Manuel López Obrador anunciou dentro dunha campaña de “limpeza contra a corrupción” que “estamos a revisar os contratos de empresas que se teñen con estaleiros españois onde non había un trato xusto para Pemex”. Na mesma liña, en febreiro de 2020, o xefe da Unidade de Intelixencia Financeira (UIF), Santiago Nieto Castillo sinalou que existían dous casos por xudicializar contra Lozoya Austín relacionados con defraudación fiscal e a adquisición de Barreras.

A compra de Barreras por Pemex e a relación dos directivos desta empresa coas autoridades galegas é un tema recorrente na prensa mexicana.

Así, por exemplo, un dos xornais con máis circulación do país, El Universal, recolleu na súa edición de 17 de febreiro de 2020 que “os contratos a empresas privadas polos que Lozoya asegura recibiu presión do expresidente Peña Nieto para outorgalos suman arredor de 850 millóns de euros e teñen que ver con plataformas de perforación, a adquisición de Fertinal e os estaleiros en España”

“Precisamente por contactos relacionados con este último negocio foi como  Lozoya logrou estabelecerse en España”, continúa El Universal, quen destacou que “o exdirector de Pemex forxou vínculos e negocios co político Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, e a empresaria Mar Sánchez Sierra, tras a compra dun estaleiro a sobreprezo e mediante presuntos actos de corrupción. Eles protexían a  Lozoya na Costa do Sol española, onde chegou a finais do ano pasado tras unha estadía en Rusia”.

A investigación da xustiza mexicana sobre Pemex é unha das cuestións que preocupa ao Goberno galego. Malia que o presidente da Xunta da Galiza eludiu dar explicacións sobre as súas relacións con Lozoya Austin afirmando que a compra de Barreras non era  obxecto de procedemento legal en México, todas as informacións que chegan do país azteca apuntan noutra dirección.

Neste sentido, a propia fiscalía mexicana adiantou sobrecustos de aproximadamente 20 millóns nas embarcacións encargadas por Pemex a Barreras.

Comentarios