Cales son as empresas construtoras que financiaron o PP galego segundo Bárcenas?

A caída dunha das pontes da A-6  situada no tramo entre Castro Lamas, no concello berciano de Veiga de Valcarce e Noceda, no concello galego de Pedrafita do Cebreiro puxo outra vez enriba da mesa a vinculación entre as empresas construtoras e o financiamento irregular dos partidos políticos.

Vista xeral dos vanos caídos na A-6. (Foto: Alberto Vázquez/Nós Diario)
photo_camera Vista xeral dos vanos caídos na A-6. (Foto: Alberto Vázquez/Nós Diario)

FCC titular de 66% da unión temporal de empresas que ergueu a ponte da A-6 sinistrada foi unha das empresas citadas polo antigo tesoureiro do PP, Luís Bárcenas, por doazóns, supostamente ilegais, aos populares galegos. Nesta caso tratábase dunha achega de 108.000 euros, por parte dunha compañía presidida naquela altura  por José Mayor Oreja, irmán do ministro de Interior de Aznar e candidato  PP vasco dos mesmos apelidos.

ACS, que dispuña de 33% da UTE construtora da ponte caída, tamén, apareceu doando ao PP da Galiza a cantidade de 60.100 euros. A compañía de Florentino Pérez conta cunha importante presenza no país, sendo coñecida a relación entre Pérez e Feixoo.

Os dados sobre a contribución de FCC e ACS estaban recollidos nun informe elaborado en 2006 polo xerente do PP galego, Modesto Fernández. O documento, cuxo contido impactou ao xuíz Ruz, recolleu achegas por unha contía de 1.888.275 euros, procedentes de 19 grupos empresariais.

A época de Feixoo na Cotop

As empresas ligadas á construción e á obra civil lideraron a lista de contribuíntes. Na súa maior parte, tratábanse de compañías cunha importante facturación coa Xunta da Galiza, nos últimos anos de Fraga á fronte da Xunta e de Alberto Núñez Feixoo, como máximo responsábel da Consellaría  de Ordenación do Territorio. 

A ourensá COPASA, con 380.245 euros, situouse en 2006 como primeiro doante do PP. Malia que os responsábeis da compañía negaron ao diario El País ás doazóns recollidas nos papeis de Bárcenas, as dúbidas sobre a súa operativa seguen sen resolverse. A isto ten contribuído que a empresa aparecera como un dos grandes beneficiados nos contratos da Xunta, significándose as adxudicacións do Goberno Fraga ou as concesións de Núñez Feixoo.

C.R.C. Ramón Carro foi outras das compañías adxudicatarias de obras de construción e mantemento de autoestradas que apareceron no informe de Modesto Fernández. Precisamente esta empresa con sede en Ordes, aportou ao PP 33.000 euros, adxudicándolle dentro dunha UTE en 2011 a construción e xestión da autovía da Costa da Morte.

O informe de Modesto Fernández

A nómina de empresas da obra civil presentes no informe de Modesto Fernández era moi ampla, mantendo a maioría delas relacións contractuais na época de Manuel Fraga coa Consellaría de Ordenación do Territorio, dirixida entón por Alberto Núñez Feixoo.

Uns casos disto foron Teconsa, propiedade do grupo berciano Martínez Núñez, con 120.000 euros, a ourensá, Extraco con 18.000 euros, Seixo con 30.000 euros ou a vasca Bruesa con 80.000 euros. Esta última compañía, é propiedade do empresario galego emigrado en Euskadi, Antonio Pinal, a quen xustiza acusa de ter agasallado ao PP a súa sede de Donostia.

O conglomerado de empresas que participaron nas obras dos diversos edificios da Cidade da Cultura ocuparon un lugar de relevo no informe do xerente do PP. Ademais da xa citada COPASA, entre estas atopáronse  NECSO, unha filial da madrileña Acciona, que aportou aos populares 100.000 euros e fixo parte da UTE para construción do Teatro da Música, unha obra por un monte de 77 millóns de euros, adxudicada en xuño de 2005 polo Goberno da Xunta en funcións, onde se sentaba Núñez Feixoo.

O grupo Campo, empresa familiar participada polo antigo alcalde do PP de Ortigueira, Antonio Campo, resultou tamén con importantes contratos na Cidade da Cultura achegando, segundo Fernández, 200.000 euros á caixa dos populares galegos.

Comentarios