Alfonso Rueda, sobre o gasto en bares e restaurantes do grupo municipal do PP en Noia: "É certo que chama a atención algún concepto"

Desta maneira se manifestou Rueda na xornada na que se coñeceu que o grupo municipal do Partido Popular en Noia xustificou a asignación política do Concello entre 2018 e 2024 con varios tíckets e facturas entre as que se atopan gastos por un valor de case 30.000 euros en bares e restaurantes.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta segunda feira 27 de outubro. (Foto: Xunta da Galiza)
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta segunda feira 27 de outubro. (Foto: Xunta da Galiza)

"É certo que chama a atención algún concepto", recoñeceu esta segunda feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, preguntado por Nós Diario sobre os gastos do grupo municipal do Partido Popular en Noia en bares e restaurantes empregados para xustificar a asignación política.

"Coñecín hoxe polos medios de comunicación esta noticia e non teño coñecemento profundo, hai que mirar ben que pasou e, de haber algunha irregularidade, poderíase depurar. É certo que chama a atención algún concepto do que aparece aí, mais habería que mirar polo miúdo", concluíu o presidente da Xunta.

Desta maneira se manifestou Rueda na xornada na que se coñeceu que o grupo municipal do Partido Popular en Noia, segundo adiantou El Diario e puido confirmar Nós Diario, xustificou a asignación política do Concello entre 2018 e 2024 con varios tíckets e facturas entre as que se atopan gastos por un valor de case 30.000 euros en bares e restaurantes, algúns presentados como reunións de traballo e outros como comidas con persoas afiliadas e simpatizantes da formación.

Entre estes gastos na xustificación inclúen viños, cervexas ou copas, uns desembolsos que non se poden considerar gastos de funcionamento da formación, xa non por unha cuestión de moralidade ou polo seu contido alcohólico, senón porque segundo indican as bases de execución do orzamento de Noia, esta asignación é para financiar o gasto corrente do grupo municipal, como pode ser o aluguer da sede ou o material de oficina.

Pola súa parte, o Goberno local de Noia, liderado polo socialista Francisco Pérez, emitiu un comunicado no que solicita a dimisión do ex alcalde e actual portavoz do PP na localidade, Santiago Freire (PP), como concelleiro da Corporación municipal. Así o transmitiu o actual Executivo esta segunda feira, nun comunicado "sobre os gastos realizados polo anterior rexedor do Concello" en diferentes bares e restaurantes como xustificación da asignación ao grupo municipal.

Comentarios