O Goberno local de Noia solicita a dimisión de Santiago Freire polos gastos do grupo municipal do PP en bares e restaurantes
O Goberno local de Noia, liderado polo socialista Francisco Pérez, emitiu un comunicado no que solicita a dimisión do ex alcalde e actual portavoz do PP na localidade, Santiago Freire (PP), como concelleiro da Corporación municipal.
Así o transmitiu o actual Executivo esta segunda feira, nun comunicado realizado en relación coa información adiantada por El Diario, e que puido confirmar Nós Diario, "sobre os gastos realizados polo anterior rexedor do Concello" en diferentes bares e restaurantes como xustificación da asignación ao grupo municipal.
"Até esta mesma mañá, non tiñamos coñecemento do alcance destas informacións. Sabíamos que un medio solicitara acceso ás xustificacións da asignación a grupos e que existía algunha irregularidade, mais non da gravidade que agora se coñece", afirmaron desde o Executivo liderado por Francisco Pérez.
"Pola gravidade das alegacións feitas —especialmente se se confirma que o anterior alcalde cargou gastos non xustificábeis ao grupo municipal—, consideramos que resulta moral e politicamente insostíbel que continúe no cargo ou estea vinculado a responsabilidades públicas", salientou o actual Goberno municipal de Noia.
"Por iso, facemos un chamamento á súa dimisión inmediata, como acto mínimo de responsabilidade ante a cidadanía", continuou o Executivo local. "Desde o Concello, valoraremos todas as medidas legais e políticas que procedan para restituír a transparencia, o bo uso dos recursos públicos e a confianza cidadá", engadiu. "O actual Goberno de Noia reafirma o seu compromiso coa transparencia, o rigor e a responsabilidade, valores que deben guiar sempre a xestión pública", concluíu.
30.000 euros en bares e restaurantes
O grupo municipal do Partido Popular en Noia, segundo adiantou El Diario e puido confirmar Nós Diario, xustificou a asignación política do Concello entre 2018 e 2024 con varios tíckets e facturas entre as que se atopan gastos por un valor de case 30.000 euros en bares e restaurantes, algúns presentados como reunións de traballo e outros como comidas con persoas afiliadas e simpatizantes da formación.
Entre estes gastos na xustificación inclúen viños, cervexas ou copas, uns desembolsos que non se poden considerar gastos de funcionamento da formación, xa non por unha cuestión de moralidade ou polo seu contido alcohólico, senón porque segundo indican as bases de execución do orzamento de Noia, esta asignación é para financiar o gasto corrente do grupo municipal, como pode ser o aluguer da sede ou o material de oficina.