Viños, cervexas e copas: así xustificou o Partido Popular de Noia case 30.000 euros da asignación municipal a grupos políticos

A xustificación do PP de Noia non se pode considerar gasto de funcionamento da formación, xa non por unha cuestión de moralidade ou polo seu contido alcohólico, senón porque a asignación é para financiar o gasto corrente do grupo municipal, como pode ser o aluguer da sede ou o material de oficina.
O ex alcalde e actual portavoz do PP en Noia, Santiago Freire. (Foto: César Arxina / Europa Press)
O ex alcalde e actual portavoz do PP en Noia, Santiago Freire. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O grupo municipal do Partido Popular en Noia, segundo adiantou El Diario e puido confirmar Nós Diario, xustificou a asignación política do Concello entre 2018 e 2024 con varios tíckets e facturas entre as que se atopan gastos por un valor de case 30.000 euros en bares e restaurantes, algúns presentados como reunións de traballo e outros como comidas con persoas afiliadas e simpatizantes da formación.

Entre estes gastos na xustificación inclúen viños, cervexas ou copas, uns desembolsos que non se poden considerar gastos de funcionamento da formación, xa non por unha cuestión de moralidade ou polo seu contido alcohólico, senón porque segundo indican as bases de execución do orzamento de Noia, esta asignación é para financiar o gasto corrente do grupo municipal, como pode ser o aluguer da sede ou o material de oficina.

Factura ao PP de Noia da empresa Sexy Money SL, localizada na Coruña.
Tíckect da empresa Sexy Money SL, localizada na Coruña, achegado polo PP de Noia como xustificación de gasto.

De feito, segundo aseguran fontes municipais, o servizo de Intervención rexeitou moitos destes gastos como xustificábeis da asignación a grupos políticos, mais o Goberno municipal que encabezaba Santiago Freire (PP) levantou o reparo dos servizos técnicos do Concello.

A interventora sinala nos seus informes que a lexislación non especifica os gastos que se poden imputar, mais si deixa claro que non se pode confundir grupo municipal con partido político, consonte unha sentenza do Tribunal Supremo de 1990, polo que nesta asignación non poden entrar os coñecidos como gastos de representación ou as coñecidas como dietas. Ademais, segundo sinalan as bases de execución do orzamento, estes gastos deben ir destinados ao funcionamento do grupo municipal, o que se interpreta como o gasto corrente.

Tíckect da empresa Prada a Tope SA, localizada no Bierzo, achegado polo PP de Noia como xustificación de gasto.
Tíckect da empresa Prada a Tope SA, localizada no Bierzo, achegado polo PP de Noia como xustificación de gasto.

"A asignación é para o funcionamento como grupo, mais non para o financiamento ou subvención do partido político", insiste. Cita como exemplos de gastos aceptábeis os de aluguer dun local ou de equipos informáticos, mais non a súa adquisición (ao non ser gasto corrente), o pago de comunicacións telefónicas ou a publicidade das actuacións do grupo municipal, mais non as do partido. "A doutrina analizada considera que unha comida para 200 persoas non é unha actuación para un grupo municipal, senón que máis ben se trata dun acto de partido, decantándose pola súa inadmisión", agrega.

"Ademais, para as reunións de traballo dispoñen da súa propia sede ou das dependencias do Concello", recalca a interventora nos seus informes de obxección da xustificación de gastos achegada polo grupo municipal do Partido Popular de Noia. O comentario refírese á "reunión de traballo", que é a descrición que consta en case todas as facturas achegadas pola formación en 2022.

Tíckect da empresa Filigrana - Lorygar SL, localizada en Santiago de Compostela, achegado polo PP de Noia como xustificación de gasto.
Tíckect da empresa Filigrana - Lorygar SL, localizada en Santiago de Compostela, achegado polo PP de Noia como xustificación de gasto.

Neste sentido, a partir do exercicio de 2021 o PP xa non se achega tíckets nos que se especifican produtos como viños, cervexas, copas, cafés, refrescos ou comidas, senón documentos resumidos e de maior importe nos que se indica que o gasto no bar ou restaurante corresponde, por exemplo, a "reunións de traballo do grupo municipal do Partido Popular de Noia de xullo a outubro" -890 euros-, "reunión de traballo agrupación do Partido Popular de Noia" -1.815 euros- ou "comida comarcal. Reunión de integrantes do grupo municipal popular con alcaldes da provincia e presidente provincial" -1.000 euros-.

Comentarios