Alejandro González, embaixador de Cuba: "Que ninguén nos dea leccións de democracia"

Así de taxativo se amosou o embaixador de Cuba no Estado español. Alejandro González Galiano asegurou que "a amplísima maioría da poboación" ratificou en múltiples procesos electorais o proxecto revolucionario cubano. Un modelo económico, social e político que sobrevive a 50 anos de bloqueo

Alejandro Rodríguez Galiano, embaixador de Cuba
photo_camera Alejandro Rodríguez Galiano, embaixador de Cuba

Visitou Galiza para se reunir con Alberto Núñez Feijóo e responder de maneira diplomática á vontade do presidente da Xunta de visitar a illa este ano. Alejandro González Galiano aproveitou a súa estadía no noso país para realizar un acto arroupado polo Movemento de solidariedade galego con Cuba. 

Ducias de persoas escoitaron o representante do goberno cubano quen explicou algúns dos trazos dos novos liñamentos económicos e sociais aprobados polo goberno da illa, mais tamén abordou a nova realidade rexional en América Latina na que dixo "se está a dar unha verdadeira integración" como a soñada por Martí e Bolívar. O xurdimento da ALBA e da CELAC dan boa conta dun continente máis unido e solidario que responde a un proxecto, dixo, que merece ser recoñecido en grande medida a Hugo Chávez. 

O embaixador cubano emprazou á sociedade a "se solidarizar" con Venezuela --de igual maneira que o fai con Cuba-- fronte á "campaña mediática" que procura desprestixiar o triunfo electoral de Nicolás Maduro. Unha campaña que atribúe aos que "seguen considerando América Latina o seu patio traseiro".

Unha folla de rota para blindar o socialismo cubano
As reformas aprobadas pola Asemblea nacional de Cuba para os vindeiros anos non son unha marcha atrás na construción do socialismo, asegurou o embaixador, senón que pretenden "incorporar as mudanzas introducidas polo pobo" para "blindar e facer sostíbel o socialismo cubano". 

Unha nova lei tributaria --encamiñada a "redistribuír a riqueza" e garantir "a xustiza social"-- a reforma migratoria ou a exploración de novas formas de propiedade que combinen o control estatal dos principais sectores do país coa regulación do traballo por conta propia e cooperativas de carácter privado, son algunhas das medidas que está a implementar o goberno revolucionario cubano após seren debatidas pola cidadanía que mudou, en boa medida, a proposta inicial presentada polo Comité Central do PCC. 

"Queren facer crer que Cuba é unha ditadura", subliñou González mais "a inmensa maioría" ratificou os principios revolucionarios "en múltiples ocasións" a través dos procesos eleitorais convocados. 

As relacións con EUA
A "non relación" entre Cuba e os UE dura xa máis de 50 anos. Caracterizada polo bloqueo económico, comercial e financeiro imposto á illa en 1962, o embaixador cubano amosou a vontade do goberno revolucionario por "sentar negociar" o levantamento das sancións impostas hai medio século por JFK. "Obama non lle debe nada a ninguén", afirmou González Galiano quen salientou a nova situación xerada após a vitoria electoral de Obama que encara a súa segunda e última lexislatura. "Aínda que suavizou o seu discurso" en relación coa agresividade amosada por George W. Bush, o certo é que Barack Obama "recrudeceu a súa persecución ás transaccións económicas e financeiras de Cuba", ao tempo que mantén presos aos 5 de Miami.

"O bloqueo non é retórica cubana", afirmou con dureza o embaixador amosando exemplos que con clareza reflicten a complexa situación económica da illa. "Se Toyota quere vender un só coche en EUA ten que demostrar que a súa chapa non leva nin unha soa porcentaxe de níquel cubano", tamén "o chocolate suízo ten que acreditar que non produce con azucre cubano". 

Entrementres a illa non pode "mercar nin un só avión que non sexa ruso" porque todos conteñen unha parte importante "de tecnoloxía estadounidense". 

"Estamos dispostos a negociar" a fin do bloqueo mais, acrecentou, "cunha única condición, que non haxa condicións" que sexa "de igual a igual". Porque 50 anos despois "en Cuba", dixo "seguimos defendendo a nosa indepencia" e "estamos obrigados a entendernos".

Comentarios