É un dirixente moi próximo a Martiño Noriega

O alcalde de Teo deixa En Marea polo "proceso inquisitorial" contra Quinteiro

A crise da confluencia agrávase por momentos. A parlamentar Paula Quinteiro, como xa tiña anunciado, non vai demitir a pesar do veredito das bases na consulta realizada esta semana. O que marcha de En Marea é Rafa Sisto, alcalde de Teo, moi próximo a Martiño Noriega.

rafa sisto anova teo
photo_camera Rafa Sisto

"Hoxe é un bon día para iniciar proxectos novos", declarou esta cuarta feira Rafa Sisto (Son de Teo-Anova) a Europa Press. A ruptura coa dirección En Marea vén de lonxe, mais acabou por derivar na súa saída da organización pola xestión que a equipa de Villares fixo do affaire Paula Quinteiro. Esa foi a "pinga que reborda o vaso", di o dirixente no seu Facebook. Para Sisto, a causa interna aberta contra a parlamentar de Podemos Anticapitalistas -85 por cento das persoas que votaron na consulta interna pediron a súa demisión- reviste carácteres de "proceso inquisitorial".

O affaire Quinteiro é o empurrón que coloca Sisto fóra de En Marea. Mais as discrepancias son de fondo. Baixo o seu ponto de vista, a confluencia distanciouse "da vontade coa que naceu" até se aproximar a formulacións propias dun "partido clásico".

O alcalde de Teo lanza unha carga de profundidade ao actual aparato da confluencia: "A miña grande frustración é que Luís Villares acabase en mans de quen xa estragou antigos proxectos", dixo en alusión por un lado á Cerna de Mario López Rico e por outro ao BNG. Desa "xente", alegou, "non vai vir o cambio".

Sisto é un dirixente político relevante no mundo da confluencia. Non só pola súa cercanía con Martiño Noriega -é quen tomou o relevo do actual alcalde de Compostela ao fronte do concello teense-, senón porque rexe unha das vilas máis populosas entre as xestionadas polas marés.

Borja San Ramón (Podemos/Ferrol en Común) abandona o Consello da Marea

Non é a única baixa, a de Rafa Sisto. Borja San Ramón, militante de Podemos e membro de Ferrol en Común, formalizou tamén a súa saída, neste caso non da organización, senón do seu máximo órgao entre plenarios, o Consello da Marea. Xustifica o seu movimento porque, afirma, a consulta interna sobre Quinteiro desacredita a posición da dirección villarista, sendo que "dúas de cada tres inscritas rexeitan participar na caza de bruxas".

Este mesmo argumento foi invocado polo colectivo @coidandounidade, quen en comunicado de imprensa remarca esta sexta feira que "a participación no proceso foi a segunda máis escasa da historia de En Marea, por debaixo de 40 por cento". [Os dados oficiais situaban o índice no 40 por cento exacto].

"Nestes momentos vemos como a Coordenadora de En Marea non representa o conxunto do espazo. Máis do 60 por cento das inscritas déronlle as costas, nun censo xa de por si cativo en comparación coas máis de 10.000 inscritas que votaron nas eleccións galegas de 2016", afirman.


 

Comentarios