O PP leva a guerra partidaria a Fegamp, que continuará presidindo Alberto Varela

"Os Concellos xa soportabamos unha sobrecarga de funcións impropias que facían necesaria unha revisión das competencias e orzamentos, e as medidas motivadas pola Covid-19 viñeron agravar esta situación", lamentou Varela.
Alberto Varela, nas votacións da Fegamp. (Foto: Arxina)
photo_camera Alberto Varela, nas votacións da Fegamp. (Foto: Arxina)

A asemblea xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) reelixiu hoxe por catro anos máis como presidente da entidade o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela (PSdeG). O novo órgano de dirección do municipalismo galego reproduce o reparto de poder das eleccións municipais de maio: só 20% da poboación galega ten Alcaldías do PP, mentres que un 60% tena do PSdeG ou do BNG.

O alcalde de Vilagarcía (O Salnés) sinalou ante os compromisarios presentes no plenario da Fegamp, que "os Concellos xa soportabamos unha sobrecarga de funcións impropias que facían necesaria unha revisión das competencias e orzamentos, e as medidas motivadas pola Covid-19 viñeron agravar esta situación”. Nesta liña, denunciou que “en 2021 os Concellos galegos tivemos que asumir máis de 600 millóns de gasto na atención de servizos que son competencia da Xunta da Galiza, como os servizos sociais”.

A elección do alcalde de Vilagarcía para a Presidencia da Fegamp non estivo exenta de polémica. Á primeira hora da mañá desta cuarta feira coñecíase que os populares daban por roto o seu acordo con nacionalistas e socialistas para apoiar Varela e presentaban como candidato propio o rexedor do Incio (Sarria), Héctor Coruxo, rachando coa tradición da entidade de formular unha lista única ao órgano de dirección do municipalismo galego. Coruxo explicou esta decisión, sinalando que “o PSOE galego, á imaxe e semellanza de Pedro Sánchez en Madrid, quere politizar as institucións, facendo un uso partidista con absoluto descaro”.

Neste sentido, indicou que “se ese é o modelo de municipalismo que quere o PSOE, asaltando as institucións, que non conten coa nosa colaboración” e apostou por “reivindicar o interese dos 313 concellos da Galiza e non o interese duns poucos que só buscan aferrarse a unha cadeira”. A liña argumental de Coruxo foi referenda na sesións de clausura da asemblea polo vicepresidente primeiro do Goberno galego, Diego Calvo. Este cargou contra o Executivo estatal, por “dar prioridade a uns territorios sobre outros só por intereses partidistas vai en detrimento da cohesión territorial e, no caso das entidades locais, na prestación de servizos eficientes de xeito homoxéneo con independencia do lugar de residencia”.

Nacionalistas e socialistas ligaron esta posición dos populares a unha tentativa de crispar o debate político na Galiza. Nesta dirección, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Laxe, afirmou que “lamentamos que o Partido Popular, importando a crispación do espazo madrileño, se dedique a romper un diálogo constante que se produce na Fegamp" e ironizou: “Coido que esta semana quen leva os argumentos ao PP debe estar de vacacións. Porque, desde logo, é unha idea moi peregrina".

As fontes do BNG consultadas por Nós Diario lamentaron a postura mantida polo Partido Popular e manifestaron o seu desexo de recuperar a unidade dentro da Fegamp para reclamar das outras Administracións solucións aos problemas dos concellos galegos. Nesta liña, desde o BNG urxiron á definición dun novo marco de financiamento local que poña fin á discriminación dos municipios galegos e teña en conta da singularidade da Galiza.

Ademais de Varela ser electo presidente, esta cuarta feira tamén foi designado Héctor Coruxo como vicepresidente primeiro da Fegamp e Secundino García (BNG), alcalde de San Sadurniño, como vicepresidente segundo.

Comentarios