O PP racha o acordo e presentará candidatura propia na Fegamp

O PP acusa o PSdeG de “rachar a colaboración que se quería traducir nunha lista única” á Federación galega de municipios e provincias. 
hector coruxo pp incio
photo_camera Diego Calvo, Héctor Coruxo e Paula Prado (Foto: Fegamp)

Non haberá lista de consenso hoxe na Asemblea Xeral da Federación galega de municipios e provincias (Fegamp), tal e como se acordara nos últimos días. O PP vén de comunicar que irá por libre e que presentará como candidato a presidir esta institución a Héctor Coruxo, alcalde do Incio. O PP acusa o PSdeG de “romper a colaboración que se quería traducir nunha lista única” e que ía encabezar o socialista Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa.

Desde o PP da Galiza critican que “o PSOE galego, á imaxe e semellanza de Pedro Sánchez en Madrid, quere politizar as institucións, facendo un uso partidista con absoluto descaro”. E poñen como exemplo deste “partidismo” e “descaro” o feito de que esta semana, antes incluso da asamblea de hoxe, os socialistas mantiveran unha reunión co seu candidato á Xunta da Galiza dentro das instalacións da Fegamp.

Fontes do PSdeG consideran que o PP está a intentar levar a "crispación" que impulsa a nivel estatal a todas as institucións. Nos últimos días achegárase a un acordo para que nesta Asemblea Xeral da Fegamp houbese unha lista única de PSdeG, PP e BNG, encabezada polo actual presidente en funcións desta entidade, Alberto Varela.

"Lamentamos que o Partido Popular, importando a crispación do espazo madrileño, dedíquese a romper un diálogo constante que se produce na Fegamp", sinalou  José Manuel Lage Tuñas, secretario de Organización do PSdeG, en declaracións aos medios tras o arranque da asemblea, cando se coñeceu que o PP presenta lista propia á executiva da Fegamp.

A Fegamp agrupa as catro deputacións e os 313 concellos galegos. O número de votos calcúlase segundo a poboación dos concellos. Así, se ben o PP goberna en máis municipios, o PSdeG faino nas dúas cidades máis poboadas do país e o BNG goberna na cuarta e sexta con máis habitantes.

Comentarios