28-M

Alberto Varela, presidente da Fegamp: "Os concellos non escapamos de asumir competencias pero deben vir con cartos"

Continuamos coa xeira de entrevistas relacionadas coas eleccións municipais, nesta ocasión e tras conversarmos con Paula Prado (PP), facemos o propio con Alberto Varela (PSdeG) e, nas próximas semanas, con Antón Gómez-Reino (Unidas Podemos) e con Ana Pontón (BNG). Varela (Vilagarcía, 1975) combina tres responsabilidades: a presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), alcalde desde 2015 da súa cidade natal e secretario de Política Municipal na Executiva galega dos socialistas. Amósase optimista coa posibilidade de manter a actual hexemonía do PSdeG nas alcaldías das cidades.
Alberto Varela é alcalde da Fegamp, alcalde de Vilagarcía e secretario de Política Municipal do PSdeG. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Alberto Varela é alcalde da Fegamp, alcalde de Vilagarcía e secretario de Política Municipal do PSdeG. (Foto: Xan Carballa)

—Ese papel triplo que vostede asume como se deslinda ás portas dunha campaña electoral?
É complexo e téñome que rodear de bos equipos que me axuden a ser disciplinado. Non podo desdobrarme, pero opino en función do que en cada momento represento. Defenderei Vilagarcía por riba de todo e tamén os intereses comúns dos 313 concellos e das catro deputacións, sabendo que na Fegamp estamos representadas as principais forzas políticas e que tentamos formular as nosas propostas con consenso. Todos os que estamos alí somos alcaldes ou alcaldesas e sabemos o que é pelexar polos dereitos das corporacións locais. E temos moi boa sintonía. Como secretario de Política Municipal tamén opino con liberdade e sábese ben en que momento actúo como tal.

—O cadro directivo da Fegamp é sempre o termómetro político dos resultados electorais?
Sempre é así, porque se elabora en función dos resultados, con axustes ponderados relativos ao tamaño dos concellos. A presidencia resulta do partido máis votado neses comicios, pero todos teñen que sentirse representados e cómodos. Non pasou tanto tempo desde que PSdeG, PP e BNG tiñan cadansúa federación e conseguimos unificarnos e xa van anos traballando entre todos con comodidade e consenso.

—Ten funcións moi específicas, pero chama a atención que nos seus órganos vostede é alcalde da cidade con maior poboación e o resto sono de vilas medias ou pequenas, e non das grandes urbes. É un perfil deliberadamente buscado polas organizacións políticas?
Todos se senten representados, grandes e pequenos, e iso é unha casualidade. O alcalde de Vigo é presidente da FEMP, por exemplo. Os problemas que ten a administración local poden agravarse nos concellos de menos habitantes, pero os relativos ao financiamento ou ao exceso de competencias impropias son unha queixa unánime de todos, independentemente da cor política e do tamaño. Ou mudamos estes aspectos ou teremos problemas serios nos anos que veñen.

As outras administracións, e a nosa principal interlocutora é a Xunta da Galiza, queren decidir eles como debemos utilizar fondos e cartos que nos envían ás administracións locais

—Esas duplicidades administrativas, incluídas as das deputacións, como non se resolven se todos están de acordo?
Estamos de acordo os que vivimos o mundo local, pero as outras administracións, e a nosa principal interlocutora é a Xunta da Galiza, queren decidir eles como debemos utilizar fondos e cartos que nos envían ás administracións locais. As deputacións operan con diferentes criterios: no caso de Lugo, Pontevedra e A Coruña, asignan unha cantidade a cada concello en función de criterios obxectivos (poboación, servizos, etc…) pero a de Ourense prefire seguir un modelo máis parecido ao da Xunta. Nós, na Fegamp, defendemos a autonomía local e a suficiencia financeira.

Tamén que haxa un diálogo para ver as competencias que podemos xestionar e con que medios, para facelo ben, e que iso sexa acompañado de recursos económicos e materiais. Queda moito por facer e temos agora algo moi importante, que é sentar coa Xunta da Galiza para tratar de delimitar funcións. Hai unha chea de exemplos: se os concellos non temos competencias en educación, nin xestionamos colexios, nin contamos con capacidade de influír na dirección dos centros, que razón hai para ter nas nosas nóminas os conserxes ou facéndolles as obras de mantemento aos edificios durante os veráns? Sabemos que iso vén de leis estatais que falan de colaborar no mantemento, pero tanto as leis estatais como autonómicas deben facerse para funcionar mellor e haberá que mudalas en todos eses casos. Ou que teñamos que outorgar recursos en drogodependencia cando non temos competencias en sanidade.

—A Fegamp tamén inclúe nese mapa de poder local as mancomunidades de concellos ou áreas metropolitanas. Non parece que conten cunha especial proxección pública. Teñen algún sentido?
Poden telo, pero son moi diferentes unhas doutras. Podo pór o exemplo da Mancomunidade do Salnés, que é a que mellor coñezo e funciona moi ben. Estamos facendo unha política de promoción turística conxunta da comarca que nos axuda a facer do Salnés o mellor pack turístico da Galiza, e iso ten que facerse desde unha mancomunidade, porque os concellos pequenos teñen outras dificultades para ir en solitario. Ou tamén na recollida de lixo que abarata custos ou compartindo maquinaria para aforrar. Funcionan cando todos van en sintonía independentemente da cor política.

Os concellos somos o caixón de xastre ao que vai todo o que outros non asumen

—Onde se atopan as principais responsabilidades que non lles corresponden aos concellos e están asumindo?
A balanza está desequilibrada. A Xunta por lei pode adxudicar unha competencia. Poño por exemplo un dos servizos máis demandados por unha poboación galega moi envellecida, que é o de Axuda a Domicilio. Cando se aprobou a Lei de Dependencia supoñíase que o financiarían o Estado e as comunidades autónomas, pero é a administración local a que fai o maior esforzo e pon os cartos. Outro exemplo vivímolo na pandemia, cando tivemos un papel importante, porque estabamos ao pé da xente, e mentres outras administracións recibiron fondos extraordinarios nunha situación de excepción, os concellos tivemos que facelo cos nosos propios recursos sen ter competencias sanitarias. Os concellos somos o caixón de xastre ao que vai todo o que outros non asumen.

—Até que punto unhas eleccións municipais serven de termómetro para distinguir entre xestión e outros problemas políticos globais?
A cidadanía é madura de abondo para saber o que está votando en cada momento. Nas municipais valórase o traballo dos gobernos municipais. Cando tocan estatais ou galegas, saben tamén o que van axuizar.

—Vostede marcábase para a actual lexislatura lograr un novo centro de saúde e unha estación intermodal para Vilagarcía. Conseguiuno?
O centro de saúde si, grazas ao noso empeño en soster que contábamos cunha localización idónea, a antiga Comandancia de Mariña, o que negaban o PP e a Consellaría de Sanidade, dicindo que non valía. Insistimos, demoleuse  a antiga edificación, hai un proxecto e agardo que en poucos meses vaia adiante. Aínda que esixirei que unha vez rematado o edificio, a Xunta o dote dos profesionais necesarios, porque de nada serve ter unha mellor localización e unha instalación moderna, se non hai persoal.

En canto á estación intermodal, reuniume coa conselleira, anunciárono varias veces pero aínda non sabemos nada. E tamén debo dicir que de nada me vale, nin ás cidades nas que se fai, construír estacións intermodais se despois as liñas de autobuses non teñen frecuencias para facelas útiles para combinar co tren. Os alcaldes do Salnés dicímolo moitas veces: chégase antes en tren de Vilagarcía a Santiago, á Coruña ou a Pontevedra que en bus a Cambados, Vilanova ou á Illa, que están moito máis perto. E a Xunta non ten o compromiso necesario para mellorar o transporte público.

Renovadas todas as vivendas da Sareb ou do antigo cuartel da Garda Civil xa se podería dispoñer dunha oferta de 30 pisos con certa rapidez, que agora só languidecen baleiras

—Boa parte da precampaña electoral xirou arredor da vivenda, na que o poder local, co solo e a organización urbanística, ten un papel relevante. Vostede mesmo reivindicou a conversión de vivendas en desuso da Garda Civil en inmóbeis de promoción pública.
Nós nunca escapamos de asumir competencias, só dicimos que debemos facelo cos recursos necesarios. Porque despois, se as cousas non funcionan, somos os primeiros aos que nos botan a culpa. Viámolo estes días nunha declaracións da conselleira que nos responsabilizaba de que non funcionasen as iniciativas da Xunta en vivenda, terá que ver con que non funcionaron eles! Nós trataremos de que haxa máis vivenda pública nos concellos, e agora hai oportunidades co parque de vivendas que mobilizará o Estado, coas vivendas do banco malo, da Sareb, ou  coa iniciativa de remodelar as do antigo cuartel da Garda Civil, e poñelas ao servizo da xente nova e de quen máis as precisa. Renovadas todas xa se podería dispoñer dunha oferta de 30 pisos con certa rapidez, que agora só languidecen baleiras.

—Como secretario de Política Municipal, que expectativas teñen como PSdeG para o 28 de maio?
Saímos a gañar e imos ter bos resultados. Máis do 50% das galegas e galegos teñen alcalde socialista. Vaise recoñecer o traballo destes catro anos, tan singulares, con case dous superando a pandemia.

—Paula Prado queixábase a semana pasada nestas páxinas de que o PP é moitas veces a lista máis votada, pero que despois quítanlle as alcaldías con pactos.
Escoito o PP pedir alcaldías ou presidencias para a lista máis votada, só cando os beneficia. Nós chegamos a acordos con outras forzas políticas ou os demais connosco. O PP, cando lle interesa, pacta con Vox, como fixo en comunidades autónomas e alcaldías, e daquela non se queixan de non gobernar a lista máis votada. Sen ir moi lonxe, en Ourense non permitiron que a lista máis votada gobernase. Así que iso que di Paula Prado é pouco críbel porque tería que defendelo cando te beneficia e cando te prexudica.

Comentarios