O Goberno galego desoe a Fegamp e non aumenta o fondo base para os concellos

Nacionalistas e socialistas ven "corta e pega" nas contas de Vicepresidencia primeira da Xunta.
parlamento galego diego calvo
photo_camera Diego Calvo explicou na comisión de Economía os orzamentos do seu departamento. (Foto: Parlamento da Galiza)

A Vicepresidencia 1ª e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes contará con 364 millóns de euros en 2024, 6% máis que no presente exercicio. Destacou o vicepresidente primeiro, Diego Calvo, na súa comparecencia esta sexta feira no Parlamento  a suba de 28% da Secretaría Xeral para o Deporte, cun total de 56,2 millóns. Mentres, a Dirección Xeral de Xustiza aumenta o seu orzamento 3,8%, até un total de 171 millóns.

Tamén remarcou Calvo que as transferencias da Xunta aos concellos superarán os 602 millóns en 2024, 38 millóns máis. O fondo base mantense en 112 millóns —malia as demandas da Fegamp de que se incrementase— e o adicional elévase a 39,3 millóns, case  30% máis.

O deputado do BNG Iago Tabarés afeou os orzamentos deste departamento por "continuistas", de "curta e pega", e con "escaso rigor e planificación". Reprobou tamén que o fondo base de apoio a municipios segue "inalterábel" á vez que se favorecen as convocatorias "sen concorrencia competitiva" que "beneficia os que teñen información privilexiada" e "os que teñen conexión a Internet", o que "non contribúe" ao equilibrio territorial. Tambarés lanzou reproches acerca de que "non hai melloras" en xustiza gratuíta, que sofre unha "infrafinanciación, e "renuncian" ao servizo público en emerxencias. 

Pola súa parte, Paloma Castro (PSdeG) tachou estas contas "de mero trámite", "sen ningunha medida que responda a carencias ou necesidades desta Consellaría". Apuntou tamén a parlamentaria a problemas "enquistados" como o dos parques comarcais de bombeiros, de forma que pide á Xunta "liderado" para alcanzar unha solución "consensuada".

Comentarios