Albert Rivera ficha Marta Rivera de la Cruz, a escritora galegófoba

“Bueno, pues esto es lo que hay...”, así confirmaba a escritora a información que anunciaba a súa integración como independente na candidatura ao congreso de Ciudadanos, a formación liderada por Albert Rivera. 

Marta Rivera
photo_camera Marta Rivera

“Chegou o momento de tomar partido e dar a cara”, dicía a escritora e xornalista na súa intervención no acto de presentación de Albert Rivera como candidato de Ciudadanos. Apenas uns días despois do evento, a escritora confirmaba nas redes sociais a información publicada en El País que anunciaba a súa presenza na lista ao congreso da formación de Albert Rivera como independente. Após o anuncio, fica o trámite da confirmación por parte da Executiva da organización e o apoio dos afiliados en primeiras, mais todo apunta que se resolverán á vontade de Rivera. 

A escritora, na súa intervención no acto de Ciudadanos, sinalaba que era a situación a que a levaba a tomar unha decisión antes impensábel. “Non acepto que ninguén me diga que o feito desde o ano 78 non sirve”, dicía na súa defensa de “os valores da Transición”. 

 “O que tiña que facer Feijóo xa o fixo: pechar a billa. Cortar o subministro das xenerosas subvencións", dixo a respecto das mobilizacións en defensa da lingua

"Que empiezo a decir Rianjo"

A escritora e xornalista destacárase pola súa posición “galegófoba” que manifestou en sinaladas ocasións, en especial, na defensa dos topónimos deturpados. “Que no me toque mucho las narices, que empiezo a decir Rianjo”, ameazou cando un internauta a convidara a utilizar o topónimo oficial da cidade da Coruña cando anunciaba a presentación dun dos seus libros. “A mí es que me gusta La Coruña”, dixera entón. 

No seu propio blogue, no ano 2010, escribía, en español, despois das multitudinarias manifestacións en defensa do galego no ensino: “O que tiña que facer Feijóo xa o fixo: pechar a billa. Cortar o subministro das xenerosas subvencións. As viaxes pagadas e as axudas aos castelanófobos. Feito isto, que berren cando queiran, que convoquen manis e que faciliten as cousas para que os estudantes teñan máis dias de asueto. Para o que lles vai servir!”, dicía, a respeito das mobilizacións de defensa da lingua. A escritora nada en Lugo mostrou, en diversos momentos, o seu apoio público a Galicia Bilingüe. “Cando nun país civilizado hai que baixar a voz para usar un idioma, e máis un idioma oficial, témome que non hai esaxeración posíbel”, dicía nunha entrevista en “Lavozlibre”. 

Canto ás súas posturas sociais e políticas, a escritora foi unha das poucas voces que saíu na defensa da familia propietaria no caso do desafiuzamento da anciá coruñesa Aurelia Rey. Nun artigo de opinión publicado nos xornais De Luns a Venres e El Progreso, defendeu que a propietaria do piso no que habitaba Aurelia "ten todo o dereito do mundo a obter un aluguer en condicións".

Comentarios