18-F

O ultraespañolista Vox aposta por “entrar no Parlamento galego” para “marcar a diferenza”

Álvaro Díaz Mella elixiu Vigo para dar comezo á campaña do partido de Abascal
Díaz-Mella e Pepa Millán no acto de apertura de campaña do ultraespañolista Vox. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Díaz-Mella e Pepa Millán no acto de apertura de campaña do ultraespañolista Vox. (Foto: Nós Diario)

O candidato do partido ultraespañolista Vox á Presidencia da Xunta da Galiza, Álvaro Díaz-Mella, deu o disparo de saída á campaña electoral coa tradicional pegada de carteis que tivo lugar na praza de Compostela da cidade de Vigo, arroupado por integrantes da candidatura da circunscrición de Pontevedra e máis da portavoz do Grupo Parlamentario do partido no Congreso español, Pepa Millán. "Imos entrar no Parlamento galego e imos marcar a diferenza", asegurou o candidato.

No transcurso do acto, Díaz-Mella afirmou que a partir do próximo 18 de febreiro a formación ultradereitista que lidera Santiago Abascal poderá dar voz no Parlamento galego “a todas as persoas que hoxe non senten representadas”, xa que "existe unha Galiza que fala nos mercados, nos bares, nas portas dos colexios".

"Unha Galiza humilde e traballadora que só trata de saír adiante e á que queremos dicir que non está soa, que nós falaremos claro dos seus problemas, porque queremos unha Galiza mellor", sostén.

O candidato afirmou no acto de inicio de campaña que Vox é a “única garantía” de que se aborden os problemas que realmente importan aos galegos e ás galegas, o que el fará con "claridade, decisión e valentía".

"Marcamos a diferenza", aseverou Díaz-Mella. "É o que esperamos facer na Galiza  a partir do próximo 18 de febreiro", concluíu.

 

Comentarios