Agriden de madrugada o alcalde da Illa de Arousa

"A violencia nunca é o camiño", di a agrupación socialista local, en alusión a uns feitos que provocaron unha rotura de clavícula a Carlos Iglesias.
O alcalde da Illa, Carlos Iglesias, nunha imaxe de arquivo. (Foto: PSdeG)
photo_camera O alcalde da Illa, Carlos Iglesias, nunha imaxe de arquivo. (Foto: PSdeG)

O alcalde da Illa de Arousa, o socialista Carlos Iglesias, sufriu unha agresión na madrugada deste domingo que lle provocou "lesións graves", segundo informaron desde a súa formación a través dun comunicado. Os feitos foron postos xa en coñecemento da Garda Civil para ser denunciados.

A agrupación local do PSdeG cualificou de "brutal agresión" este acontecemento —que lle ocasionou unha rotura de clavícula— e expresou a súa enérxica condena á violencia en calquera das súas manifestacións.

Aliás, lamentou o comportamento "incívico" de quen recorre á forza física para facer valer os argumentos que non "é capaz de defender desde a racionalidade e a capacidade de oratoria".

De forma paralela, os socialistas da Illa trasladaron ao alcalde e a súa contorna familiar todo o seu apoio e lamentaron que se produzan este tipo de condutas, á vez que insistiron en que a violencia "nunca é o camiño".

Segundo apuntaron diferentes medios nas últimas horas, os feitos ocorreron durante as festas patronais do municipio, cando un veciño se dirixiu a Iglesias recriminándolle algún asunto de forma violenta.

"Estabamos a falar e el púxose moi nervioso. Como non lle estaba dando a razón, zarandeoume e tiroume ao chan", apuntou o alcalde na tarde deste domingo, após transcender os feitos.

Denuncian un intento de atentado en Vilanova

Os socialistas da Illa estenderon a súa condena aos feitos que transcenderon en Vilanova de Arousa, onde unha patrulla da Garda Civil deu o sábado cun artefacto incendiario baixo o coche do rexedor desta vila, Gonzalo Durán, do PP.

Comentarios