AGE pide á Xunta que amplíe o prazo de renuncia ás bolsas predoutorais e evite a perda dun terzo delas

Até 23 estudantes son beneficiari@s da axuda galega e doutra estatal, a FPU, con condicións mellores. Porén, non están obrigad@s a renunciar á primeira antes de aceptaren a segunda, polo que a listaxe de agarda non se movería e as 23 novas candidat@s quedarían sen bolsa. O prazo remata o 22 de marzo
photo_camera As estudantes, acompañadas de Fernández [SG]


Un terzo das 75 bolsas predoutorais da Xunta poderían ficar sen asignar se a consellaría de Educación non atende as reivindicacións do estudantado que figura nas listaxes de agarda.

Denunciouno esta terza o deputado de AGE David Fernández após falar con afectad@s, quen explicaron que a situación deriva da concorrencia simultánea ás bolsas galegas e ás FPU (Formación do profesorado universitario) que dependenden do ministerio de Educación.

Así as cousas, son até 23 @s estudantes que, tendo concedida a axuda da Xunta, recibiron a notificación de que o departamento que dirixe José Ignacio Wert tamén @s admitía. Con todo, a notificación chegou con varios meses de demora. Perante as mellores condicións que ofrece a bolsa estatal, con catro anos de duración fronte aos tres da galega, @s beneficiari@s adoitan preferila, o cal faría mover a listaxe de agarda.

Fernández: "A burocracia non debe impedir o desenvolvemento da investigación" 

Mais os prazos de convocatoria e renuncia crean unha situación en que esas 23 poderían ficar sen se adxudicar, pois o prazo de renuncia á bolsa galega remata antes daqueloutro obrigatorio para aceptar ou rexeitar a bolsa estatal. O tempo acaba o 22 de marzo e AGE exixe que se amplíe posto que, ao estaren financiadas con cartos do Fondo social europeo, de non seren entregados habería que os devolver.

David Fernández, compareceu acompañado de dúas estudantes afectadas polos prazos. As dúas candidatas á bolsa galega relataron como a Secretaría xeral da Universidade lles asegurou que era "imposíbel" mover os prazos de non impugnarse a convocatoria. Do secretario xeral e do conselleiro, Jesús Vázquez, "só recibiron o silenzo por resposta" perante chamadas e correos electrónicos. Fernández fixo un último chamamento apelando a que se modifican ordes "continuamente" e que "a burocracia non debe impedir o desenvolvemento da investigación".

Comentarios