Redondela

Preacordo entre AER e PSOE: ante notario e con multa de 100.000 euros por incumprilo

Nas negociacións serán determinantes os tres edís do BNG, que aumenta a súa representación a respecto de 2019, pois socialistas e nacionalistas sumarían 10 escanos, un por baixo da maioría absoluta, que sería o de AER.
Digna Ribas, no centro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Digna Ribas, no centro. (Foto: Nós Diario)

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) vén de alcanzar un principio de acordo co PSOE para facilitar un novo goberno de Digna Ribas nesta localidade da comarca de Vigo. Un pacto que se asinará ante notario e que carrexará unha multa económica por valor de 100.000 euros no caso de incumprirse. O portavoz de AER, José Carlos Orge, sinalou en declaracións á axencia Europa Press que este acordo chega logo de que a súa formación aceptase levantar o veto a Ribas a cambio de pactar unha serie de compromisos co obxectivo de "beneficiar toda a cidadanía" de Redondela.

A negociación, decorrida na noite desta cuarta feira, centrouse en catro puntos fundamentais. O primeiro deles, un acordo sobre o programa, cuestión sobre a que Orge recoñeceu que os socialistas se mostraron "moi en consonancia" con AER e aceptaron "gran parte" das súas propostas, moitas delas centradas no medio ambiente e na peonalización do municipio para "recuperar espazo para as persoas".

O segundo punto é a entrada no goberno de AER, que dirixirá unha nova Concellaría de Infraestruturas e Sustentabilidade, que se encargará das peonalizacións e do abastecemento de auga, a recollida de lixo ou a iluminación pública, entre outros.

O terceiro dos puntos céntrase na colaboración co resto das administracións, tratando de crear mesas de diálogo, por exemplo, co Concello de Vigo, para conseguir melloras no transporte entre ambos os municipios ou un convenio cos Bombeiros de Vigo.

E o cuarto punto é un acordo notarial con penalización de 100.000 euros se se incumpre o pactado. Neste apartado, desde AER recoñeceron que algúns aspectos non poderán quedar asinados ante notario, sobre todo os relativos á colaboración con outras administracións, xa que non depende só do Goberno local de Redondela.

Fronte a esta situación, Orge mostrou a súa "satisfacción" polo pacto conseguido. Un acordo con Digna Ribas que, ao seu xuízo, axudará a mellorar a situación dos veciños e veciñas de Redondela.

O BNG ten a chave

Nestes comicios, a listaxe máis votada en Redondela foi a do PP de Javier Bas, que ficou en 10 concelleiros, un por baixo da maioría absoluta. A socialista e candidata á reelección Digna Ribas logrou manter 7 edís, mentres que o BNG de Xoán Carlos González conseguiu subir de 2 a 3 representantes e AER logrou unha soa acta. O nacionalista Xoán Carlos González xa sinalou nos últimos días que a posibilidade de que el asuma a Alcaldía "non é unha proposta que saíra do BNG" e puxo de manifesto que "non se formula optar" a facerse co bastón de mando.

Os nacionalistas insisten, consultados por este xornal, na súa intención, igual que promulga o Bloque a nivel nacional, é dar apoio a "gobernos alternativos ao PP" alá onde for posíbel. A maiores, no caso de Redondela, onde están a "intensificar" os contactos de cara á investidura, enfatizan, en alusión á negativa inicial de AER a manter Ribas na Alcaldía: "Nós non vetamos a ninguén".

Comentarios