28-M

O veto de AER á socialista Digna Rivas complica a reedición dun Goberno de esquerdas en Redondela

Rivas defende o seu aumento de votos e asegura: "Haberá Goberno de esquerda si ou si, porque é o que quixo a veciñanza"

Digna Ribas, no centro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Digna Rivas, no centro. (Foto: Nós Diario)

O veto da Agrupación de Electores de Redondela (AER) á até o de agora alcadesa, Digna Rivas, do PSdeG, complica a posible reedición dun Goberno de esquerdas nesta localidade viguesa, xa que AER, con só unha acta, converteuse na formación 'chave' da Corporación.

Este domingo, as urnas outorgaron ao PP unha maioría de 10 concelleiros, a un representante da maioría absoluta, mentres que o PSdeG logrou manter as súas 7 actas, e o BNG subiu de 2 a 3. A Agrupación de Electores perdeu dous concelleiros e ficou cun único representante, pero a súa posición será determinante para saber quen será o próximo alcalde ou alcaldesa.

O portavoz de AER, José Carlos Orge, explicou que, tal e como avanzaran no seu momento, "nunca" apoiarán a Bas "nin a ninguén da súa lista" para que goberne Redondela. Así, a pesar de que en 2011 e en 2015 os seus concelleiros votaron á súa propia candidatura e posibilitaron un goberno 'popular', iso non ocorrerá de novo, cun Javier Bas que "perdeu hai 4 anos e non quedou na oposición".

Con respecto a Digna Rivas, cabeza de lista do PSdeG e actual alcaldesa en funcións, Orge sinalou que non terá o apoio de AER para ser investida, por unha "cuestión de dignidade". Así, lembrou que esta Agrupación asinou un acordo coa socialista hai catro anos, entrou no Goberno municipal e, dous anos despois, a rexedora retiroulles parte das súas responsabilidades (por un conflito relacionado coa limpeza das praias). "Non imos votar por Digna Rivas, porque xa tivemos un acordo con ela e incumpriuno", apuntou.

En calquera caso, matizou que AER está disposto a dar o seu voto a calquera outro candidato da lista socialista, ou mesmo a alguén da lista do BNG, que encabeza Xoán Carlos González Campo. "Nin sequera temos por que entrar no Goberno local", engadiu Orge, que insistiu en que "Digna Rivas é unha liña vermella para AER".

"Goberno de esquerda, si ou si"

Pola súa banda, a alcaldesa en funcións e candidata do PSdeG, Digna Rivas, defendeu o seu resultado nas urnas este domingo, con 5.018 votos (238 menos que en 2019) que lle permiten manter os seus 7 concelleiros. "A miña lectura é que a veciñanza de Redondela quere que haxa un goberno de esquerdas, seguen apoiando Digna Rivas", proclamou.

A socialista puxo en valor o apoio obtido, nun escenario xeral de perda de votos do PSdeG, tanto na Galiza como na comarca, e asegurou que a súa intención agora é "sentar a dialogar, a negociar", iso si, "co programa e sen personalismos", e "até o último minuto".

Preguntada sobre a posibilidade de que non haxa acordo, e o 'popular' Javier Bas sexa investido alcalde, Rivas aseverou que "iso non vai pasar". Farantiu que Redondela terá "Goberno de esquerda, si ou si, porque é o que quixo a veciñanza".

En Redondela, onde a maioría absoluta se sitúa en 11 representantes, o PP obtivo 10 edís (un máis que en 2019) con 6.920 votos, case 900 máis que fai catro anos; o PSdeG mantén 7 actas a pesar de perder eses 238 votos; o BNG sobe de 2 a 3 concelleiros tras lograr 2.503 papeletas (1.178 máis); e AER baixa de 3 a 1 representante, ao conseguir 858 votos (fronte aos 2.164 de 2019).

Comentarios