Acusan a Xunta de beneficiar Ethel Vázquez

A incorporación á administración galega do persoal da EPOSH nos termos propostos pola Xunta significaría unha destacada mellora nas súas condicións salariais. A conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez así como outros altos cargos do seu departamento son na actualidade traballadores en excedencia da EPOSH e polo tanto principais beneficiadas da medida.

A conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez (Foto: Europa Press)
photo_camera A conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez (Foto: Europa Press)

O pasado 5 de agosto a Xunta convocou unha xuntanza extraordinaria da Mesa Xeral de Empregados Públicos co obxectivo de iniciar a incorporación como persoal fixo da administración dos traballadores da extinta Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH). A medida veu dar continuidade a modificación do Decreto 129/2012, de 31 de maio, que regulamenta a integración do persoal laboral dos entes instrumentais da Xunta, aprobada en solitario polo Partido Popular, ao incorporala na  Lei de medidas fiscais e administrativas, de acompañamento á Lei de orzamentos da Galiza de 2021.

A decisión adoptada polo Goberno galego mereceu a contestación das forzas da oposición e dunha parte das organizacións sindicais con representación na administración galega. Así, a respecto da proposta presentada pola Xunta na mesa de negociación de 5 de agosto, a Central Sindical Independente de Funcionarios (CSIF) denunciou que “non ten outro obxecto que beneficiar ao persoal da EPOSH, permitíndolle converterse en funcionario da Xunta, pero cunhas retribucións, nalgúns casos, superiores en máis de 2.000 euros ao mes ás retribucións de funcionarios do mesmo grupo e con idénticas funcións”.

O representante do CSIF na reunión da mesa de negociación de 5 de agosto. José Sánchez-Brunete criticou que a medida do Executivo galego “beneficia directamente e enriquece de xeito inxustificado a un membro do Consello da Xunta e ao seu equipo directivo, todos eles pertencentes ao Goberno da Xunta”. 

Na mesma intervención, Sánchez-Brunete advertiu da “orde, que, de levarse a cabo, non pode cualificarse máis que como un acto de piratería administrativa que se fai en beneficio e lucro persoal dun membro do Consello da Xunta e do seu equipo directivo, todos eles persoal laboral fixo da EPOSH”.

A conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez así como outros altos cargos do seu departamento son na actualidade traballadores en excedencia da EPOSH e polo tanto principais beneficiadas da medida. O Goberno galego extinguiu EPOSH en 2012, integrando ao seu persoal en Augas da Galiza, organismo dependente da Consellaría dirixida por Ethel Vázquez, iniciando os tramites da súa incorporación na administración en marzo de 2015. Porén, daquela, segundo denunciou o CSIF, “ante a perda económica que supón esta integración, a actual conselleira de Infraestruturas e Mobilidade meteu presión ao conselleiro de Facenda para que se deixase sen efecto o procedemento”.

A incorporación á administración galega do persoal da EPOSH nos termos propostos pola Xunta significaría unha destacada mellora nas súas condicións salariais. 

“Unha vez que os traballadores da EPOSH se convertan en traballadores da Xunta, as retribucións da maioría deles serán, como mínimo, superiores ás de calquera funcionario en máis de 20.000 euros anuais”, afirmou o CSIF, quen sinalou que “Ethel Vázquez como traballadora en excedencia EPOSH, con 5 trienios acumulados, percibe un total de 13.443 euros/ano”, mentres que “o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, como funcionario da Xunta en servizos especiais, con 11 trienios acumulados, percibe un total 6.743’22 euros/ano”. 

A aprobación definitiva da proposta agárdase para o mes de setembro. Se nun principio as fontes sindicais deron por feito a validación da orde neste propio mes de agosto, a Dirección Xeral de Función Pública da Conselleira de Facenda decidiu adiar a decisión a falla de novos informes xurídicos.

Comentarios