Acusan o alcalde de Ourense de 'secuestrar' o Meco do Entroido dedicado a el

Para a Agrupación Cultural Auriense, esta actitude de quen ten hoxe as responsabilidades de Goberno municipal, é un "claro ataque ao verdadeiro Entroido".
O Meco coa cara de Xácome retirado esta quinta feira en Ourense (Foto: AC Auriense).
photo_camera O Meco coa cara de Xácome retirado esta quinta feira en Ourense (Foto: AC Auriense).

A polémica chegou ao Entroido ourensán. O coñecido como ‘Meco’, unha personaxe fundamental desta celebración foi retirado na tarde desta quinta feira do sitio en que estaba pendurado na cidade das Burgas. Desde a Agrupación Cultural Auriense, grupo encargado de pendurar o Meco, denunciaron o que denominan “secuestro” por parte do rexedor da cidade, Gonzalo Pérez Xácome.

“Desde a Agrupación Cultural Auriense queremos denunciar publicamente o secuestro do Meco do Entroido deste ano. O Meco, que foi pendurado na Praza dos Suaves na noite do 15 ao 16 de febreiro, foi secuestrado polas autoridades municipais do Concello de Ourense”, sinala a Agrupación Cultural Auriense nun comunicado ao que tivo acceso Nós Diario.

“En primeiro lugar queremos manifestar a nosa sorpresa por tal dilixencia, xa que os veciños e as veciñas de Ourense estamos afeitas a que as cousas non se fagan ou se fagan tarde, mal e arrastro. Vese que a isto déronlle máxima prioridade”, engaden.

“Ataque ao Entroido”

Para a Auriense, esta actitude de quen ten hoxe as responsabilidades de Goberno municipal, é un "claro ataque ao verdadeiro Entroido”.

“Este ataque do grupo de goberno municipal, vén a referendar a necesidade de sigan a existir activamente asociacións culturais como a nosa, que xa conta con 55 anos de historia, que se dedican a dar a coñecer e manter as nosas tradicións e a traballar para manter vivo este patrimonio cultural”, subliñan.

“O de Ourense non é un Entroido”

En declaracións a Nós Diario, Daniel Gómez, presidente da Agrupación Cultural Auriense manifesta que “este ano dedicamos o Meco ao alcalde e ao seu grupo de Goberno e hoxe mesmo xa tivemos coñecemento de que o retiraran”.

Sobre se cre que foi unha orde do propio alcalde, Gómez asegura que “si”. “Ademais temos información de que foi unha orde directa de Xácome”, acrecenta.

En palabras do presidente da AC Auriense, “celebrar un bo Entroido non é cuestión de pór máis Djs que ninguén ou grandes orquestras. O Entroido é, ante todo, unha festa popular e ten as súas propias tradicións como é, neste caso, a colga do Meco”.

Por todos este motivos, exixen a “inmediata rectificación por parte das autoridades e a posta en liberdade do noso Meco”.

Comentarios