Entrevistamos Miguel Anxo Fernán Vello

"Actuamos de facto como un grupo parlamentar propio"

Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958) asumiu a mediados de xaneiro a portavocía de En Marea no Congreso español, un posto que se exerce rotatoriamente e que o poeta, editor e dramaturgo desempeñará ao longo de seis meses. Recoñécese con ánimos e disposto a apuntalar un traballo nas institucións que, incide, ten como protagonistas e destinatarias “as clases populares galegas”. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 283.

fernan-vello
photo_camera [Imaxe: En Marea] Miguel Anxo Fernán Vello

5A mediados do pasado mes de xaneiro asumiu a portavocía de En Marea no Congreso español, un posto que se exerce rotatoriamente. Valora positivamente esta fórmula?

Son portavoz de En Marea por un prazo de seis meses; isto é así en base a un acordo entre as tres organizacións políticas que son as que están na base do acordo do que naceu En Marea: Anova, Esquerda Unida e Podemos. É unha portavocía rotatoria, pensada precisamente para levar a cabo unha representación política plural, unha representación coral, asumindo os representantes das tres organizacións antes mencionadas ese cometido e responsabilidade. É unha fórmula que eu persoalmente considero axeitada, pois mostra esa pluralidade interna e porque é unha maneira de levar a cabo un exercicio compartindo a representación.

Cales son as chaves que quere imprimir ou aquelas cuestións e dinámicas a potenciar nestes seis meses nos que vai exercer a portavocía de En Marea?

Evidentemente, hai cuestións que veñen xa implicadas con este cargo, como o de exercer a representación da acción política de En Marea no Congreso ou o de participar nos diversos ámbitos da relación cos outros grupos parlamentares, sendo fiel sempre ao que representa En Marea no Congreso dos Deputados. Hai que ter en conta que representamos máis de 340.000 persoas, persoas que confiaron en nós. Por iso debemos situar os problemas da sociedade galega nos debates do Estado e ao mesmo tempo formular as alternativas necesarias, precisas, para atender as súas necesidades e as problemáticas.

En Marea carece de grupo parlamentar propio como consecuencia dunha decisión adoptada pola Mesa do Congreso. Embora esta limitación, entende que se pode representar igualmente Galiza con voz propia? 

Na anterior lexislatura tiñamos 6 parlamentares e 2 senadores e cumpriamos todos os requisitos para ter grupo propio mais a Mesa decidiu impedilo. Nesta lexislatura temos 5 deputados e unha senadora e actuamos de facto como tal grupo parlamentar propio. A nosa presenza como En Marea dentro do grupo confederal de Unidos Podemos, o noso traballo e presenza fixo posíbel que as demandas instiutucionais, históricas de Galiza e os problemas reais do noso país tivesen unha presenza continuada no Congreso. Podemos dar unha longa lista do feito durante este tempo, desde a rexeneración das rías até o desmantelamento industrial, desde infraestruturas, o ferrocarril, a AP-9 a cuestións relativas á cultura, pasando por sectores tan importantes para o noso país como son o da pesca, o sector do leite...

Cre que o traballo que desenvolve En Marea no Congreso ten a debida repercusión na sociedade galega, que a ela chega o que están a facer?

Sabemos que moitos medios de comunicación non son proclives a dar conta do traballo que fai En Marea, nin do que fai no Congreso español nin do que fai no Parlamento de Galiza. Un exemplo da actitude destes medios témolo na manifestación masiva deste domingo en Santiago de Compostela na defensa da sanidade pública. Unha mobilización moi numerosa e que non chegou ás noticias principais nin mereceu espazo nas primeiras planas dalgúns destes medios. Así que o traballo político de organizacións que defenderen o país, que apoian e traballan para defender os sectores produtivos, pois ese traballo certos medios tenden a silencialo e moitas veces a intentar invisibilizalo.

Fronte a isto, apostamos en procurar fórmulas para dar a coñecer o noso traballo directamente á sociedade, quer a través das redes sociais, quer a través das rendicións de cotas que facemos por todo o país, no que é un exercicio de transparencia e de proxección do traballo realizado. Un traballo que é continuo, diario, que demostra que En Marea é unha alternativa fundamental, clave, na defensa do noso país.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios