Acordo pola transferencia da ordenación do sector pesqueiro

O Parlamento acorda por unanimidade instar a Xunta a demandar ao Goberno de España o traspaso das competencias para a xestión do dominio público marítimo terrestre e as competencias de ordenación do sector pesqueiro e a investigación oceanográfica.
Pleno da Cámara (Foto: Parlamento galego)
photo_camera Pleno da Cámara (Foto: Parlamento galego)

Por unanimidade de todos os grupos políticos, o Parlamento galego acordou instar a Xunta a demandar ao Goberno de España o traspaso das competencias para a xestión do dominio público marítimo terrestre.

O texto orixinal da proposición non de lei, presentado polos populares, foi finalmente modificado para engadir, a instancias do Bloque, que a Xunta solicite tamén "o traspaso das competencias de ordenación do sector pesqueiro e de investigación oceanográfica".

As competencias da xestión do domino público marítimo terrestre comprende 2.000 quilómetros de costa galega na que se asentan "máis de 5.000 edificacións" que van desde centros educativos a empresas, depuradoras ou centros de saúde.

Diso deu conta a deputada do Partido Popular Marisol Díaz Mouteira, encargada de defender a iniciativa.

A parlamentar puxo o acento en que a demanda se produce nun momento en que existe o proxecto de lei de cambio climático do Ministerio español  de Transición Ecolóxica e que este podería "afectar" unha "parte importante" do litoral e "pór en risco máis dun cento de empresas".

Críticas á defensa de Ence

A coincidencia da reclamación da Xunta da Galiza cos cambios lexislativos que expón o Ministerio foi sinalado polo deputado do BNG Luís Bará, quen apuntou que e a iniciativa traída a pleno polos populares "ten catro letras: Ence". "Queren perpetuar unha fábrica contaminante", dixo.

Pola súa banda, o socialista Pablo Arangüena, quen tamén denunciou "intereses espurios" nesta iniciativa, sinalou na súa intervención que "ten lóxica" que "por razóns funcionais" sexa a Xunta quen desempeñe estas competencias.

Comentarios