18-F

Abren os colexios electorais con 2.693.624 galegos e galegas chamadas ás urnas.

Case 59.000 electoras xa emitiron o seu voto por correo para este 18-F, que se desenvolverá en 2.347 locais cun total de 3.950 mesas

Todo listo para votar no Centro Cívico de Novo Mesoiro, na Coruña. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Todo listo para votar no Centro Cívico de Novo Mesoiro, na Coruña. (Foto: Nós Diario).

Un total de 2.693.624 galegos e galegas poden votar desde as 9 horas de hoxe nas eleccións nacionais que se levarán a cabo este domingo, 18 de febreiro, segundo os datos que publicou en decembro o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Delas, 2.217.110 residen na Galiza e 476.514, 17’7% do censo, no estranxeiro. E en canto ao 'Top-5' de países, segundo o número de potenciais electoras, a Arxentina segue á cabeza con moita diferenza, xa que computa 166.289. Séguenlle Cuba e Brasil, onde se superan os 45.000. Mentres, Uruguai computa 37.165; e Suíza, o primeiro país alleo ao continente americano no ranking, 34.114.

Ademais, 79.072 persoas poderán participar por primeira vez nunhas eleccións ao Parlamento da Galiza, por cumprir 18 anos desde a anterior votación, celebrada o 12 de xullo de 2020.

Por circunscricións, na Coruña serán 1.088.386 as galegas con dereito a voto, sendo a máis ampla, seguida de Pontevedra, con 911.704 sufraxistas. En Lugo poderán emitir o seu voto 337.734 persoas, e en Ourense, 355.800.

A xornada desenvolverase en 2.347 locais electorais que, en total, albergarán 3.950 mesas.

Voto por correo

De todas as potenciais votantes, case 59.000 emitiron xa o seu voto por correo, o que supón 37% máis que nos comicios de 2016 e unha caída de 20% en comparación cos datos de 2020, unhas eleccións con marca histórica de sufraxios a distancia nuns comicios marcados pola pandemia da Covid-19.

Comentarios