18-F

A ausencia de voto rogado no censo CERA aumenta a incerteza nas eleccións do 18-F

As enquisas avanzan que as eleccións do domingo serán as máis incertas dos últimos anos. Neste contexto, factores como a mobilización do electorado e a concentración (ou non) do voto poderían decantar a balanza dun ou doutro lado. Ademais, a ausencia do voto rogado no censo CERA aumenta aínda máis a incerteza dos comicios do 18-F.
Papeletas electorais nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Papeletas electorais nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).

Case 59.000 galegas e galegos emitiron o seu voto por correo para as eleccións do domingo, 37% máis que nos comicios de 2016 e unha caída do 20% en comparación co ano 2020, cando se rexistrou o récord de sufraxios a distancia no contexto da emerxencia sanitaria pola Covid.

Até o fechamento do prazo a pasada quinta feira, foron admitidos 58.903 votos, o que supón 93,72% das 62.831 solicitudes que foron cursadas para as eleccións nas que a Galiza decidirá a próxima composición do Parlamento.

A mobilización do electorado non é unha cuestión menor nuns comicios que se antollan como os máis axustados dos últimos anos, segundo sinalaron as enquisas. Unha puñada de votos pode decantar o resultado e mesmo pode que non se coñeza quen ostentará a Presidencia da Xunta da Galiza o domingo, ficando todo á espera do reconto do voto exterior. 

O sufraxio procedente do censo exterior (CERA), no que están inscritas 476.514 (21,5% do censo total) das 2.217.110 persoas con dereito a voto, podería acrecentar a incerteza uns días máis de haber escanos decisivos en xogo, sendo ademais dificultoso coñecer a tendencia do mesmo tras a eliminación do voto rogado. 

Así, case medio millón de persoas residentes no exterior poderán escoller entre as diferentes candidaturas sen a necesidade de ter que facer unha solicitude previa, algo que non acontecía desde 2009. Nas eleccións de 2012, 2016 e 2020, con voto rogado, a participación no exterior limitouse a porcentaxes de entre 1% e 3%. Porén, antes da imposición da necesidade de solicitude previa do sufraxio, no ano 2009, a participación chegou a 30%.

Hai catro anos, o voto CERA outorgou o escano 42 ao PP en detrimento do PSdeG. Ao revés aconteceu en 2009, cando os socialistas gañaron o seu asento 25 á custa dos populares, mentres que en 1989 foi o PP o beneficiado por conta do BNG. Con todo, o sufraxio do exterior nunca deu volta a unha maioría absoluta.

O limiar de 5% en cada unha das catro circunscricións

Calquera forza que fique por baixo de 5% nunha circunscrición quedará sen escano nela con independencia do que lle tocase con arranxo ao sistema de reparto D'Hondt. Neste contexto, entre as forzas minoritarias chaman ao voto para ser decisivas superando esa barreira, mentres que as maioritarias piden a concentración do apoio para que non haxa sufraxios "perdidos". O domingo saberase que teoría é correcta, mais sendo as eleccións máis incertas dos últimos anos, antóllase un factor decisivo.

Comentarios