Abel Caballero anuncia 1.000 árbores con luces de Nadal e o BNG recórdalle que é ilegal

O alcalde de Vigo anunciou esta semana que alumará un millar de árbores. Desde o BNG lémbranlle que pendurar luces de Nadal nas árbores está prohibido por ordenanza municipal.

Abel Caballero, este agosto, na inauguración do inicio da instalación das luces de Nadal.
Abel Caballero, este agosto, na inauguración do inicio da instalación das luces de Nadal.

A instalación das luces de Nadal iniciou esta semana en Vigo -en plena pandemia e no mes de agosto- cun acto do alcalde, Abel Caballero, en que anunciou 11 millóns de luces e un millar de árbores alumeadas, 550 máis que na última ocasión. “As luces son frías, non danas as árbores”, dixo o rexedor.

Desde o BNG, o concelleiro Xabier Pérez Igrexas lembrou ao alcalde que o artigo 16.6 da ordenanza municipal estabelece literalmente a prohibición de “arrincar ou partir árbores, pelar ou arrincar as súas cortizas, cravar puntas, atar a elas randeiras, escaleiras, ferramentas, soportes de andamiaxe, ciclomotores, bicicletas, carteis ou calquera outro elemento, gabear ou subir ás mesmas”.

Así, o nacionalista anunciou esta quinta feira, 5 de agosto, que o interpelará o Goberno local na próxima comisión informativa de Medio Ambiente do Concello para instalo a respectar a normativa municipal. 

“As árbores non son postes e resulta moi difícil de entender que o alcalde non comprenda que o que acaba de anunciar é aberta e totalmente ilegal, e se permita o luxo de facer gala de que vai incumprir deliberadamente unha ordenanza municipal en vigor”, reprochou o edil.

Dendrofobia

O portavoz municipal nacionalista cargou contra a política “arboricida” do Executivo local. “Que problema ten Caballero coas árbores? A súa obsesión, polo ‘arboricidio’ permanente raia xa no patolóxico, parece que padecese dendrofobia (fobia ás árbores)”, afirmou o edil, lembrando as reiteradas tallas “arbitrarias e inxustificadas” como a recentemente practicada na Praza da Princesa contra varios exemplares sans de liquidámbar.

Comentarios